Opinión

Vítima propiciatoria

Semella que institucións sociais como o coñecido “chibo expiatorio” deberían ser obxecto de estudo da historia e a antropoloxía, sen ter cabimento na análise da actualidade na Galiza. O chibo expiatorio ten orixe na tradición xudaica. Era a un destes animais que a comunidade transfería as faltas, culpas, frustracións e problemas colectivos para despois o ceibar no deserto e ficar libre de responsabilidades. 

Apesar de tan recuada orixe, a pulsión de procurar alguén que carregue coas culpas colectivas, teña participado ou non na súa causación, non parece ceder. Mais se pode ter algunha xustificación para a antropoloxía ou a psicoloxía social, nunha sociedade moderna, que se autoproclama estado dereito, a adxudicación de culpas e imposición de castigos, sexa cal for a opinión que se tiver da xustiza penal, debe ser realizada por un poder funcionalmente independente (e independente tamén do pensamento mítico) e por procedementos fortemente tasados.

A pulsión de procurar alguén quen carregue coas culpas colectivas, teña participado ou non na súa causación, non parece ceder

 

Unha das decisións máis transcendentes que debe encarar este sistema de xustiza, que presumimos afastado da tradición levítica, é a da prisión preventiva. Unha medida que supón impor a unha persoa que é inocente (porque non está declarada a súa responsabilidade por sentenza) un encerro penitenciario. 

Para acordar tal medida, o Tribunal Constitucional declarou unha serie de funcións que habilitan o encerro cautelar dun inocente: a posíbel fuga do acusado, a posíbel alteración ou destrución de probas ou a reiteración da comisión dos feitos. Mais non debe servir como medio para acalmar o desasosego da sociedade nin moito menos para sinalar socialmente unha persoa como responsábel non só do delito que pode serlle imputado, senón tamén como suxeito arquetípico da maldade social. 

Recentemente, unha persoa acusada dun incendio supostamente cometido por imprudencia (da que non consta risco de fuga por ter arraigo na Galiza, depender do seu traballo e terse presentado voluntaria e inmediatamente no cuartel da Garda Civil), da que non consta posíbel destrución de probas (pois o feito foi xa consumado e declarado espontaneamente por el mesmo) e da que tampouco consta previsibel reiteración delitiva (non só polo carácter imprudente do delito, senón tamén polas súas propias caraterísticas, vinculada vocacionalmente á defensa do medio natural); da que non consta, portanto, ningún dos parámetros que fan asumíbel legalmente (ainda que odiosa como institucion) a prisión preventiva, esa persoa foi ingresada no cárcere, sen opción a fianza.

Non é a primera nin, infelizmente, será a última resolución xudicial preventiva onde a chamada “alarma social” se impón ás funcións que, na teoría, lexitiman a imposición da prisión preventiva. Mais a presión do poder político sobre a  existencia da “trama” ou o“ terrorismo incendiario” e a esixencia dunha reacción exemplarizante converteu a prisión preventiva do acusado do incendio en Os Blancos nunha medida perigosamente próxima á levitica institución do chibo expiatorio. 

A prisión preventiva do acusado do incendio en Os Blancos converteuse nunha medida perigosamente próxima á levitica institución do chibo expiatorio

 

Xa aconteceu hai quince anos co capitán do Prestige (Apostolo Mangouras) e voltamos agora contemplar o erro coa mesma indiferenza que contemplariamos ás visceras da vitima propiciatoria. E coa satisfacción de vermos presa a persoa que, por consenso social, reputamos responsábel de todos os males dos montes do noso país (e mesmo do veciño Portugal), cuxo encarceramento nos permite esquecer (por transferida) a nosa responsabilidade nesta desfeita: a falta de fonda crítica aos verdadeiros responsábeis da xestión colectiva. 

E esquecer, mais unha vez, que as liberdades e as súas garantías están aí (por canto tempo?) para non sermos vítimas inanes das tretas do poder, da súa decisión de encontrar entre nós o chibo expiatorio, a cortina de fume, que carregue e oculte as súas responsabilidades.

Comentarios