Opinión

A 'represión eficiente'

Só minorías moi activas da nosa sociedade denuncian de maneira firme e continuada as crebas de liberdades no Reino de España.

O goberno español presentou a finais do pasado ano o anteproxecto da lei orgánica de seguridade cidadá para a súa tramitación parlamentar. Esta lei virá substituir a de 1992 do ministro Corcuera, nacida como esta no contexto dunha fonda crise socio-económica, o que nos permite identificar un dos alicerces de ambas as leis de orde pública do após-franquismos: a aplicación dunha política de contención do exercicio das liberdades cando as elites económicas optan por un axuste económico que merma os dereitos sociais das maiorias. Eis a teoría dos vasos comunicantes, a imposición dumha baixada no nivel en dereitos sociais implica imposición dun menor nivel no vaso dos dereitos formais. Como a sua antecesora, a chamada “lei mordaza” responde a unha pulsión do Poder, sen prexuizo de que obedeza tamén á pretensión do goberno do PP na segunda fase de lexislatura de contentar o sector mais ultra do seu electorado.

"Como a sua antecesora, a chamada 'lei mordaza' responde a unha pulsión do Poder"

Mais abordando o actual anteproxecto hai unha primeira perspectiva sociolóxica que, embora nos custe admitilo e preferísemos ignorala, non é moi alentadora en materia de liberdades. Posibelmente por razóns profundas , como o medo inculcado ao pensamento político disidente que non aceptaba os grandes dogmas da Transición ou mesmo pola traxectoria autoritaria da nosa historia recente, o caso é que só minorías moi activas da nosa sociedade denuncian de maneira firme e continuada as crebas de liberdades no Reino de España : leis de detención incomunicada , uso da tortura , aplicación de reximes de vida de isolamento durante anos a persoas presas, doutrina Parot… Esta penuria democrática apoiase nun pensamento social maioritario en que os sucesivos ministros de Interior son de forma regular os membros mellor valorados dos respectivos gabinetes e nunha sacralización das forzas de seguridade do estado que gozan do perigoso privilexio de as súas pescudas e conclusións seren tomadas pública e xuridicamente como “verdades reveladas”, o que relega as voces críticas á calificación social de filo-terrorista ou anti-sistema .

"Esta penuria democrática apoiase nun pensamento social maioritario en que os sucesivos ministros de Interior son de forma regular os membros mellor valorados dos respectivos gabinetes"

Non axuda a fomentar unha cultura de liberdades a alternante posición respectiva do PP e o PSOE. Os argumentos que deu o ministro Corcuera en 1992 para xustificar a súa lei son idénticos aos ofrecidos polo ministro Fernández no Congreso en 2013 para xustificar a súa. O deputado Madina (PSOE) repetiu en 2013 as frases de Trillo de 1992, cando este se opuña como deputado ao proxecto de lei Corcuera. Troca de máscaras entre actores movidos por unha común pulsión autoritaria.

E non debemos esquecer que neste momento o goberno actúa urxido polo sector mais ultramontano do seu electorado. Despois de percutir inmisericorde nos dereitos sociais e económicos das clases populares , toca agora, de cara ao futuro exame electoral, adoptar un paquete de medidas políticas neocon... entre elas as políticas de obsesión securitaria e mao dura.

"O deputado Madina (PSOE) repetiu en 2013 as frases de Trillo de 1992, cando este se opuña como deputado ao proxecto de lei Corcuera. Troca de máscaras entre actores movidos por unha común pulsión autoritaria"

Aventurémonos agora na análise xuridica da “lei mordaza” coas obrigadas cautelas de traballarmos sobre un texto ainda en fase de anteproxecto.

O primeiro que chama a atención é a moi notábel suba no monto económico dos tramos inferiores das sancións recollidas pola lei, especialmente nas sancións graves e leves. Por exemplo: o tramo mínimo das sancións graves sobe a 1001 euros (301 na lei de 1992), o que significa que as infraccións leves (condutas de nula perigosidade social) poderán ser sancionadas con até 1000 euros (antes 300 euros).

Tamén a preocupante (e de dubidosa constitucionalidade) exclusión de esixencia de responsabilidade patrimonial á Administración por actos de natureza cautelar (intervención de obxectos , retirada de licenzas xa concedidas ….) que posteriormente veñan a ser declarados non axustados a dereito . Asúmese a práctica “Eguin”: non importa se hai ou non infracción. A Administración adopta medidas pola via cautelar ou provisoria e consegue os obxectivos político-policiais marcados….e despois xa falarán os xuices….

Unha característica nidiamente diferenciada desta lei (...) é o incremento de accións calificadas como infraccións (31 graves frente ás 16 da lei Corcuera)

Unha característica nidiamente diferenciada desta lei, que responde ao obxectivo eficientista que sinalaremos máis adiante, é o incremento de accións calificadas como infraccións (31 graves frente ás 16 da lei Corcuera). Algunhas destas accións eran calificadas anteriormente como faltas penais e en consecuencia sometidas a xulgamento por xuices de instrución. Un procedemento mais garantista como constatan amiúdo activistas absolvidos por condutas antes confirmadas por xuices do contencioso administrativo.

Outras infraccións sancionan condutas cunha obxectivización da responsabilidade é difícilmente intelixibel : por exemplo, é infracción grave participar nunha manifestación con carapucha , independentemente de que se cometa ou non acción algunha perigosa para a seguridade cidadá.

"Como na sua antecesora, latexa nesta lei unha finalidade de eficiencia na represión de condutas de disidencia"

Hai categorías de infraccións que coinciden con conductas xa obxecto de sanción penal e outras que son introducidas ad hoc , ao socairo das novas formas de protesta (ocupación de prazas ou das inmediacións de edificios institucionais). Hainas que, pola súa redacción xenérica, permitirían mesmo incluir como infracción os coñecidos como “escrachos” . E finalmente , hai figuras de nidia intencionalidade persecutoria da disidencia política , como aquelas que califican como infracción grave as ofensas ou ultraxes a España ou os seus símbolos.

Outras condutas tipificadas remiten a reinvidicacións corporativas e coinciden coa coñecida tendencia do EE a pór eivas áinvestigación de abusos policiais. P.ex. a prohibición de tomar imaxes da policía , calificada como falta leve (art.36.3). Na Galiza comportamentos abusivos de policía antidisturbios puderon ser coñecidos e denunciados perante o Delegado do Goberno (Sr.Juarez) grazas á grabación dos feitos . E ainda que o Delegado de Goberno na Galiza optou sempre por non dar resposta ás denuncias, a Lei cuidará agora de que esas denuncias non cheguen a producirse.

"Na Galiza comportamentos abusivos dos antidisturbios puderon ser coñecidos e denunciados (...) grazas á grabación dos feitos. (...) A Lei cuidará agora de que esas denuncias non cheguen a producirse"

Como na sua antecesora, latexa nesta lei unha finalidade de eficiencia na represión de condutas de disidencia . Eficiencia superior a da sanción penal pois neste caso pártese do principio de veracidade do atestado policial e a súa impugnación xurisdicional é competencia dos xulgados do contencioso administrativo, en procesos en que non rexe a presunción de inocencia e para os que hai que pagar previamente a chamada taxa xudicial . Iso determina unha actuación precisa e eficiente: decidimos dende a instancia político-policial qué sancionar ; gozamos de presunción de veracidade na redacción do atestado; limitamos económicamente o acceso á xurisdición e por último furtamos á xurisdición mais garantista (a penal) a revisión dos actos policiais.

Na Galiza temos constatado en numerosas ocasións o uso abusivo da Lei Corcuera na represión de actividades sociais e políticas: sancións ou identificacións abusivas perante a solicitude de identificación de axentes; multas por manifestacións do desagrado da Delegación de Goberno , controis por perfil ideolóxico e mesmo estético …Colectivos feministas , libertarios , xuvenis , independentistas , sindicais , de apoio a presos …, todos sofriron no pasado a aplicación da “represión eficiente”. Esculca deixou constancia de numerosas actuacións político-policiais nos seus relatorios . O incremento previsto na Lei Fernández das conductas a sancionar e a súa ampla definición debuxan un panorama ainda mais preocupante para o sector social mais activo. Confiemos que unha mudanza desa mentalidade social securitaria permita consolidar unha cultura de defensa das liberdades que free esta ofensiva autoritaria.

Comentarios