Opinión

Dúas resolucións e unha pregunta

Os colectivos de defensa de dereitos levan tempo afirmando que unha das máis graves eivas da democracia no Estado Español é a falta de independencia dos órganos tuitivos de dereitos engastados na arquitectura institucional. Unha situación suficientemente contrastada en actuacións de Tribunais, Defensoría del Pueblo e Mecanismo de Prevención da Tortura que converte o Reino de España nun “estado de dereito de baixa intensidade” segundo definición de EsCULcA.

Dúas actuacións recentes da Defensoría del Pueblo e da Comisión Europea confirman esta definición.

Nos finais de agosto, a Defensoría del Pueblo enviou escrito de resposta á queixa presentada por EsCULcA o 02/06/2015 relativa à actuación agresivamente violenta de funcionarios da prisión de Dueñas contra o preso galego A.S. O feito que provocou a agresión foi unha solicitude do preso, que pediu vestir a bata regulamentar para protexer a súa intimidade na inspección corporal integral despois dunha visita familiar.

Na súa resolución, a oficina que rexe Soledad Becerril, marquesa de Salvatierra, comunica ao noso Observatorio o contido do informe enviado por Institucións Penitenciarias en resposta ao segundo requerimento da Defensoría. Un documento que, a pesar de limitarse a describir o procedemento xeral das inspeccións corporais, sen contestar a queixa formulada, parece satisfacer plenamente a Sra. Becerril e eximila de emprender outras actuacións, como, por exemplo, manter entrevista reservada co penado para coñecer a súa versión dos feitos que deberían ser investigados.

Tampouco parece preocupar á marquesa de Salvatierra que a exploración médica á que foi sometido A.S. despois de ter sido obxecto de malos tratos fose realizada en presenza de funcionarios

Tampouco parece preocupar á marquesa de Salvatierra que a exploración médica á que foi sometido A.S. despois de ter sido obxecto de malos tratos fose realizada en presenza de funcionarios. A aristócrata española acepta como argumento para xustificar esta obvia vulneración do dereito á confidencialidade clínica a suposta agresividade da conduta das vítimas neste tipo de circunstancias. Continxencia non demostrada e pouco verosímil neste caso, diríamos que mesmo incoherente, por canto a exploración tivo lugar mediando a cancela de seguranza, o que elimina calquera eventual perigo de actuación violenta contra o persoal médico.

Alén diso, é preciso subliñar que o informe establece unha presunción de agresividade das persoas presas en xeral e, subsidiariamente, de A.S en particular. Con estas dúas presuncións a Sra. Becerril, garante dos Dereitos Fundamentais no Reino de España, despacha unha queixa sobre un caso moi concreto un ano e dous meses despois de acontecidos os feitos. Un ano e dous meses de parálise administrativa que conclúen nunha resolución que se limita a lexitimar actuacións carcerarias abusivas.

Nesas mesmas datas, a Comisión Europea contestou por escrito a pregunta formulada o 27 de maio por Lídia Senra Rodríguez, deputada de AGE no PE, integrada en GUE/NGL, sobre as denuncias de tortura e malos tratos no centro penitenciario  de Teixeiro. A pregunta tomaba como base a información recollida no relatorio de EsCULcA sobre a situación no citado penal. Na súa resposta, a Comisión afirma sen embarazo que nestes casos a UE opta por inhibirse e deixar facer os estados membros. E recorre ao pobre argumento de a maior parte destes estados non apoiaren “unha intervención lexislativa da UE”. Sorprendente esta atitude tan cautelosa da UE cando se trata de evitar violación de dereitos das persoas. Sorprendente e abertamente contraditoria coas prácticas intervencionistas que aplica sen pudor noutras materias (económica, industrial, agraria…) con que invade a soberanía dos estados e merma a súa capacidade para estableceren políticas propias.

Estas dúas resolucións confirman a baixa intensidade do estado de dereito en que nos tocou vivir

No meu entender, estas dúas resolucións confirman a baixa intensidade do estado de dereito en que nos tocou vivir, ao tempo que colocan sobre a mesa do activismo social unha cuestión complexa á que sen dúbida habemos procurar resposta: para atinxir a meta dun estado de dereito avanzado abonda con mellorar os mecanismos tuitivos? Ou, mais precisamente: é posíbel unha arquitectura institucional máis garantista sen modificación do pano de fondo económico e político?

Cuestións difíciles que levantan outras interrogantes e obrigan a reflectir sobre a perspectiva, o alcance e o modo de actuar do activismo social, moi particularmente na esfera da defensa dos dereitos das persoas e as liberdades públicas nos diferentes ámbitos de actuación.

Comentarios