Opinión

Confinamento e monopolio

Non resulta fácil escribir sobre dereitos nos tempos de COVID 19 . Semella que a situación de alerta sanitaria está a actuar como unha enorme catarse social en que só hai unha cuestión a cal dirixir a nosa atención: a superación da pandemia. Despois, auguran algunhas persoas, xa irá aparecendo unha sociedade máis solidaria e inzada de tendencias críticas co modelo capitalista imperante e este acabará caendo fatalmente.

Parece que outravolta parte da esquerda volve confundir o desexo coa realidade . O certo é que poucas veces as forzas de seguridade do estado (mesmo o exército) actuaron con tan elevado grao de asentimento social malia seren moitos os vídeos e as denuncias que reflicten arbitrariedades na súa actuación na rúa. E non é difícil ver que moitas das reaccións con que a cidadanía se expresa desde os balcóns e as redes sociais oscilan entre un preocupante neo-mcarthysmo e unha versión actualizada da colaboración veciñal coa Stassi na antiga RDA, agoirando un nova onda punitivista como solución aos conflitos sociais. Mesmo naqueles aspectos que poderían semellar mais positivos , como o traballo a distancia -agora estendido (sen negociación) non para favorecer a conciliación senón por imperativo económico-sanitario-, é posíbel avistar sombras. Sen dúbida, este isolamento domiciliario debilitará aínda máis as xa febles relacións de clase entre traballadores e traballadoras nos centros de traballo, estendendo modelos precarios a sectores que até o momento non foran atinxidos.

E por outra parte, non podemos esquecer as moi preocupantes novas que chegan da creación de aplicacións informáticas de tratamento de datos con sistemas de xeo-localización, tratamento de datos cuxo destino, tempo de conservación e posíbeis cesións ignoramos. Unha situación preocupante que non parece levantar moitos receos pois son escasas as voces, tanto dentro de Galiza como do Reino de España, que teñan advertido destes perigos. Salus populi suprema lex est, dirían os clásicos.

Sexa cal for o destino de chegada desta viaxe, é unha obviedade que a propaganda castrense e bélica que pretende facernos crer que desta sairemos vitoriosamente xuntos non é máis do que iso, vulgar propaganda. Nin o confinamento é o mesmo nun apartamento interior de 50 metros cadrados que nunha casa con xardín e piscina nin a crise se afronta igual pasando por un ERTE que cun potente colchón financeiro como medio de vida.

Como non se afronta igual na prisión. As persoas presas están encerradas nun medio onde as medidas que se adoptan para a prevención da infección son practicamente inexistentes. A sanidade penitenciaria carece de medios, en parte pola teimuda negativa, do Estado no seu momento e da Xunta de Galicia desde hai 17 anos, a transferila ao Servizo Galego de Saúde. De feito, en plena crise pandémica, EsCULcA tivo que formular queixa ao Defensor del Pueblo pola ausencia absoluta de Médicos nos servizos sanitarios de Teixeiro. A solución sanitaria máis á man na cadea é a que agora sufrimos, ben atenuada, nas nosas casas: o confinamento.

Nesta pandemia omnipresente que, como dicía Tarrou, habita nos corazóns mesmo dos que non están doentes, hai persoas nos cárceres que, coa escusa de teren sido incluídas no Protocolo de Prevención de Suicidios, son confinadas nunha cela de vidro, puro panóptico de Bentham feito realidade, onde permanecen recluídas, non só confinadas, até 23 horas por día. Recusado o seu dereito á privacidade e á dignidade, pasan as horas dentro do seu cubículo transparente. Isto acontece no penal da Lama, na nosa terra, ao pé de nós.

E mentres tanto fóra, fechadas as portas da cidade inmaterial, o monopolio da peste vai ocupando devagariño o territorio aínda libre das nosas mentes.

Mais talvez estou enganado e a situación será ben outra. Despois da COVID-19 a defensa dos dereitos das xentes presas e todas aquelas que habitan nas marxes da sociedade recuperará o seu espazo nas nosas mentes. Se é que nesa altura aínda restan dereitos que defender.

Comentarios