Opinión

O auténtico cambio

O 25 de xullo de 1979 constituíase a Asemblea de Parlamentarios galegos encarregados de elaborar e aprobar o proxecto de autonomía para Galicia. O 21 de decembro de 1980 era referendado maioritariamente polo pobo galego.

Aínda de pecar de pouco ambicioso, se se comparaba cos de Euskadi ou Catalunya, non deixaba de ser unha ferramenta que restituía a autonomía galega que fora truncada polo golpe de Estado franquista do 36. A parti disto, Galicia volvía ter competencias, parlamento e goberno propios. En consecuencia, podíase lexislar e tomar decisións políticas dende aquí, sen inxerencias exteriores.

Na Constitución Galicia foi catalogada como nacionalidade histórica, privilexio unicamente compartido con Euskadi e Catalunya, que era un recoñecemento da aprobación do estatuto do 36 que os nosos antepasados lograran tirar adiante na República. Este recoñecemento significaba poder acceder directamente á autonomía sen os procesos difíciles das autonomías de vía lenta e tamén un plus político aínda que simbólico, colocábanos nunha escada superior como unha especie de clase VIP.

En Euskadi e Catalunya parece que souberon comprender en que consiste o autogoberno porque a masa electoral depositou maioritariamente a súa confianza en partidos da terra, o cal trouxo como consecuencia que, lexislatura tras lexislatura, podían tratar “de tu a tu” o Goberno central e exixir as medidas necesarias para poder implementar as mellores políticas na súa terra.

Pola contra, en Galicia a masa electoral decantouse maioritariamente por dar apoio a partidos dirixidos dende fóra de Galicia. O resultado obviamente foi que os cargos electos de eses partidos asumiron sempre un rol de sometemento ás cúpulas dos partidos, con intereses tamén fóra de Galicia, a cambio de actuar de caciquiños mentres esperaban un “ascenso” a nivel interno que os puidese catapultar a cargos mais relevantes en Madrid.

Mentres tanto Euskadi e Catalunya manteñen de continuo a súa liña histórica de progreso secular, en Galicia día a día empeoramos as nosas miserias, tamén seculares.

Sendo Galicia tradicionalmente unha potencia naval, hoxe en día apenas quedan estaleiros e o sector pesqueiro de gran calado tamén case desaparecido. Industria case inexistente. O rural que tiña un importante potencial agrícola e gandeiro está en fase de desertización humana para acabar converténdose en hábitat de lobos e porco bravo. O panorama cara ao futuro non pode ser peor.

Sen forzas propias que non dependan de fóra non hai autogoberno e, sen autogoberno, voltamos a épocas pasadas onde as decisións políticas que afectan a Galicia decídense fóra da nosa terra.

Ao poder central convénlle manter a dialéctica ficticia de dividir en dous bandos, dereita e esquerda, para distraernos do verdadeiro problema que é ou tomamos nós as decisións ou as toman outros por nós.

Aínda que letalmente feridos estamos a tempo de reconducir a situación que será un proceso custoso e cheo de dificultades. Mas se non se afronta xa, corremos o perigo de que todo sexa irreversible.

Despois de corenta anos deberiamos ter xa a experiencia suficiente para comprender que a política de mindundis non nos conduce a ningures.

É o momento xa, sen demora, de apostar por forzas políticas autóctonas que ademais contan con líderes de valía contrastada, que aumentan o seu apoio social elección tras elección.

Ou eliximos ben ou estamos condenados a empeorar e desaparecer. Non hai apaños intermedios.

Comentarios