Opinión

A cuadratura do círculo

Ao ler en distintos medios de comunicación o resumo da última intervención de Beiras nun acto de Anova en Bonaval


Ao ler en distintos medios de comunicación o resumo da última intervención de Beiras nun acto de Anova en Bonaval, véuseme á cabeza un conto que é posible moitos coñezan pero que vou repetir para os que nunca o escoitaran.

Un que vai ao xastre para que lle faga un traxe. Logo de rematalo o xastre faillo probar ao cliente e ve que non lle saíu perfecto: unha manga máis corta, unha perna máis curta e algúns defectos máis. O xastre, máis listo que a fame, convenceuno de que o traxe estaba ben, era o cliente o que non se sabía enchufar dentro. Logo de darlle unha serie de instrucións de cómo recolocarse, o pagano botou andar para a rúa, con esa desgraza posta, tal que parecía un trenco con desviación de espiñazo e chepudo. Párase nun paso de peóns, diante dun semáforo, e un señor que está á súa beira, logo de observalo un bo anaco, di: “Carallo! Que mal feito é o tipo e que vén lle senta o traxe”.

Das palabras de Beiras, tirei a conclusión de que describe un traxe deseñado que cumpra coas estratexias de Anova aínda que, para meter o  “suxeito político” galego dentro, dea como resultado un corpo deforme.

Beiras precisa contentar a todos, ou alomenos aos que pretende que colaboren co seu modelo de candidatura galega. Chiscarlle o ollo a uns e outros aínda que quede birollo. Ao final a un quédalle a sensación de galimatías, con certa incoherencia de fondo. Un argumentario forzado para convencernos da cuadratura do círculo. 

"Beiras precisa contentar a todos, ou alomenos aos que pretende que colaboren co seu modelo de candidatura galega"

Segundo Beiras, a unión ten que servir para algo máis que para conseguir un grupo galego, para logo acabar descubrindo que, ese algo mais, consiste en pertencer a un grupo máis amplo por que se non, pobriños nós, ese grupo exclusivamente galego non tería a forza suficiente para mudar as cousas que nos importan. É dicir, debemos ir ás eleccións condicionados por un partido estatal para que logo nos fagan caso. A estas alturas con estas filosofías. Por un lado din que non debe ser unha candidatura apendicular pero por outro que debemos incluírnos nunha candidatura máis ampla. Reinventar o nacionalismo en base a constituír “suxeitos políticos” non apendiculares pero dependentes. En serio ¿Cousas como esta son as culpables de que se nos poña o pelo branco? Sexamos cordos. Con esa hipotética unión ¿Como se constitúe un grupo galego?¿Prestándoche cinco minutos de gloria, en cada pleno do Congreso, para que fales de Galiza? ¿Quen planificaría a estratexia no Congreso?¿Ese suposto grupo galego ou a Podemos? ¿Imos depender dun partido que sobre a organización territorial do estado unicamente atina a dicir que está disposto a respectar a diversidade? Para que ese grupo galego sexa verdadeiramente autónomo non pode estar suxeito á estratexia nin á disciplina de voto de outros grupos. E os partidos que din estar dispostos a dialogar agora, tamén teñen que mostrar esa disposición despois das eleccións, do contrario, non son fiables por que unicamente se moven por interese partidista.

Por outra banda, fala de tres patas para constituír esa unión:

As marés, asociacións civís e partidos de esquerda rupturista.

Curioso. As marés e asociacións civís valen todas, non precisan de aval esquerdoso, pero os partidos políticos si.

Hai varias forzas políticas que nos ofrecemos a colaborar co proxecto de constituír unha candidatura exclusivamente galega e agora, segundo as teses de Anova, sobrariamos. E non por ser menos nacionalistas ou menos comprometidos cos problemas de Galiza, senón polo pecado de non ser de esquerdas. Máis curioso aínda: mentres por un lado din que hai que abrirse a forzas non nacionalistas por outro péchanlle as portas a grupos nacionalistas.

"Segundo parece, a candidatura ten de ser preferiblemente de esquerdas antes que nacionalista"

Segundo parece, a candidatura ten de ser preferiblemente de esquerdas antes que nacionalista.
Hai unha tendencia entre esquerdas ortodoxas a considerar que teñen unha superioridade moral da que supostamente  carecerían outras ideoloxías. Isto entendo que ten a súa orixe nos primeiros movementos democráticos e as revolucións marxistas que trataban de rachar coa opresión dos poderosos fronte aos oprimidos e nas que, hai que recoñecer, a esquerda tivo un papel reivindicativo moi importante.

Pero as circunstancias foron mudando e eses clichés  xa non se corresponden na actualidade. Que sexas oprimido convértete en submiso e vítima, pero non forzosamente en mellor persoa. De feito a historia ensínanos a demócratas que se converteron en tiranos, e movementos marxistas que se transformaron en autoritarios sanguinarios como o stalinismo. Opresores e oprimidos xa non coinciden exactamente cos definidos nas primeiras épocas democráticas.

Por iso xa ninguén se pode arrogar superioridade moral, excepto cando falamos de corruptos e autoritarios, onde tampouco hai distinción de ideoloxías. 

Ás veces a vaidade fai estragos no subconsciente. O “suxeito político” debería ser Galiza e non o grupo parlamentar. O grupo é unha ferramenta.

Ás veces un sospeita de que se pensa máis na gloria persoal e na supervivencia política que en resolver problemas galegos. Grandes doses de elocuencia oratoria que a praxe desminte.

Comentarios