Opinión

Manuel María e Gumersindo Laverde

O día das Letras Galegas 2.016 estará dedicado a Manuel María, mais esta nova pon en evidencia moitas contradicións.

O día das Letras Galegas 2.016 estará dedicado a Manuel María, mais esta nova pon en evidencia moitas contradicións. Unha delas é a seguinte: non hai ningún centro educativo en Galiza que leve o nome do poeta. Esta contradición é exponencial cando sabemos que o homenaxeado foi o primeiro escritor galego en facer poesía para nen@s e dirixida dun xeito consciente a eles. 

Pero a aldraxe non fica aí, o CEIP do Concello de Outeiro de Rei, lugar de nacemento de Manuel María, chámase  Gumersindo Laverde Ruíz. Imos ver quen é este señor. Naceu en Estrada, pero non na que pertence á comarca Tabeirós-Terra de Montes de Galiza, senón na Estrada que hai en Cantabria. 
O caso foi que o señor Gumersindo aprobou as oposicións de catedrático de retórica para o Instituto de Lugo en 1863, como puido ter aprobado as de Villanueba del Pardillo en Madrid, por poñer un exemplo, xa que o home andaba apurado na cuestión monetaria e apuntábase a todas... Iso si,  consta que para o novo destino tivo algunha que outra axudiña en canto a recomendacións. Na capital das murallas estivo unha década, dende 1863 ata 1873, coas súas importantes ausencias para desempeñar algún cargo menor na capital do reino. Rematada a súa estadía en Lugo, aproba a cátedra de Latín de Santiago e tamén a de  Valladolid. Opta por mudar para Valladolid. 

"O CEIP do Concello de Outeiro de Rei, lugar de nacemento de Manuel María, chámase  Gumersindo Laverde Ruíz"

A pregunta é, cal foi a súa relación co concello de Outeiro de Rei? pois que casou con Josefa Gayoso, VII xeración dos Okelly, aqueles que se viron forzados a fuxir do territorio irlandés de Uí Maine por ser firmes defensores do catolicismo, algúns dedicáronse ao contrabando de licores, os chamados "Gansos salvaxes",  e outros asentaron en Outeiro de Rei, que se lle imos facer... A Gumersindo debía atraerlle isto da nobreza ou quedarlle algún aquel por mor do humilde traballo que desempeñou o seu pai, administrador das propiedades do Conde de La Vega de Sella, xa que en 1865, recibiu unha mención honorífica en Madrid por unha pésima oda dedicada a Isabel II: "Tu nombre se eleve a la celeste esfera, magnánima Isabel. Oh, lira mia!". Eu quero refrescar aquí brevemente a memoria de quen foi Isabel II, aquela señora que, mentres se queixaba da suposta homosexualidade do seu home dicindo aquilo de "¿Qué podía esperar de un hombre que en la noche de bodas llevaba más encajes que yo?", reprimía e asasinaba aos Mártires de Carral. 

Por non falar das amizades ben curiosas que tiña o Gumersindo, como a de Luis Vidart Schuch, un militar e escritor  que estaba especializado en reprimir á poboación cando esta tiña por mal costume protestar, e por estes feitos, era condecorado con grande xenerosidade: en xullo de 1854, en xullo de 1856, en xuño de 1866, etc...

"Gumersindo aprobou as oposicións de catedrático de retórica para o Instituto de Lugo en 1863"

Preguntámonos se, o  matrimonio coa oriúnda de Outeiro de Rei, contribuíu a que o noso protagonista se sentira orgulloso, ou reparara dalgún xeito no Concello da súa señora,  publicitándoo en milleiros de cartas a numerosos e ilustres amigos de todo o estado Español. Vexamos cun exemplo a posible resposta á nosa dúbida. Nunha misiva que lle envía Juan Valera a Menéndez Pelayo di: "¿Dónde está Otero de Rey, en Asturias o en Galicia? He recibido carta de Laverde con fecha de allí  y por no saber la provincia a la que Otero de Rey pertenece no le he contestado." Chama moito a atención este descoñecemento cando a relación entre Gumersindo Laverde e Juan Valera era moi intensa, como así o demostran as centos de cartas que se conservan. Entre eles había unha relación persoal moi  íntima. O que sen lugar a dúbidas demostra a anécdota é que para o Santanderino, Outeiro de Rei non significaba absolutamente nada. Mesmo despois do pasamento de Gumersindo, a súa viúva, entregou todo o arquivo do seu home á Menéndez Pelayo que vivía en Madrid, iso si, por unha cuestión económica, pero iso xa é outro conto.

É ben certo que Manuel María nunca lle fixo unha oda a un monarca, nin casou cunha nobre, nin tiña amizades perigosas que reprimían a inocentes. Tamén é certo que sempre levou o concello de Outeiro de Rei por todo o mundo, mesmo o situou no paraíso terreal! E non esquezamos o agradecido xesto de depositar toda a súa biblioteca e documentación no Concello que o viu nacer, un patrimonio que sitúa a Outeiro de Rei nun lugar referencial. 

"Manuel María nunca lle fixo unha oda a un monarca, nin casou cunha nobre, nin tiña amizades perigosas que reprimían a inocentes"


Só tiñan unha cousa en común Gumersindo Laverde e Manuel María, o seu gusto pola mitoloxía e a etnografía, pero resaltando o pequeno detalle de que Gumersindo escribiu sobre a mitoloxía e a etnografía, asturiana. 

Tamén hai que destacar o único poema que escribiu en galego o noso protagonista, todo un detalle, foi en 1888, dous anos antes de morrer, resultou ser un epigrama na revista "Galicia humorística", subtitulada "Revista quincenal de costumbres, cuentos, agudezas, anécdotas y tipos gallegos... y geroglíficos". Por último destacar o seu discurso inaugural do curso académico en Compostela no ano 1884 que versou sobre Sebastián Fox Morcillo, un filósofo e mestre de pajes de Felipe II, que era Sevillano.  Olé...

Con este artigo quero poñer enriba da mesa unha grande contradición convertida en inxustiza, non é Manuel María merecente de darlle nome ao colexio do concello que o viu nacer? A tenor da súa vida e obra, ten Gumersindo Laverde algunha relación con  Galiza e con Outeiro de Rei que vaia máis aló das súas circunstancias conxugais e laborais? Non parece máis xusto e meritorio que sexa o de Manuel María o nome do único colexio de Outeiro de Rei?

Mágoa que non todos os do clan dos Okelly  se dedicaran ao contrabando marítimo de licores... igual teríamos hoxe o colexio de Outeiro de Rei con outro nome... por poñer un exemplo: CEIP Martín Sheen, o famoso actor americano de Apocalyse Now, que tiña como pai a un home nado en Parderrubias, concello de Salceda de Caselas. O nome artístico é unha homenaxe a un bispo católico e ademais tamén fixo o camiño de Santiago. Son argumentos de peso, non si? Non vos escandalicedes! Lembro un coñecido político da administración galega, conselleiro para máis señas, que no seu discurso inaugural do "Belén de Begonte", ocorréraselle propor o troco do topónimo "Begonte" por "Belén de Begonte". Non descartedes que á Terra Chá chegara algún cargamento perdido dese licor de contrabando...

Se non o tedes aínda claro, despídome de vós facendo unha recomendación, a lectura dun interesantísimo artigo escrito por Gumersindo Laverde titulado "Al Señor Don Francisco J. Caminero, presbítero y doctor en Sagradas Escrituras", está publicado en "Defensa de la Sociedad", unha revista que tiña como bases "permanentes y fundamentales" a "Religión, Familia y Patria". O director foi Carlos María Perier, ata que ingresou na Compañía de Jesús en 1.887. Ala, a gozar coa lectura...

Comentarios