Opinión

GZ a 2 velocidades

Hai uns días inaugurouse a liña de tren de alta velocidade entre A Coruña e Vigo. As dúas grandes urbes do país, xa perfectamente comunicadas, están agora a só 70 min de distancia en tren.

Hai uns días inaugurouse a liña de tren de alta velocidade entre A Coruña e Vigo. As dúas grandes urbes do país, xa perfectamente comunicadas, están agora a só 70 min de distancia en tren.

"Outra cousa é ir de Lugo a Ourense, ou de Ferrol a Ribadeo, por poñer uns exemplos, para o que precisamos case un día enteiro".

Outra cousa é ir de Lugo a Ourense, ou de Ferrol a Ribadeo, por poñer uns exemplos, para o que precisamos case un día enteiro.

Sen entrar agora na necesidade da infraestrutura, e indo por diante que benvida sexa calquera avance neste senso, semella que o AVE Coruña – Vigo é unha perfecta metáfora de Galiza, un país a 2 velocidades.

Porque mentres as áreas de Coruña-Ferrol, Santiago como capital e Vigo-Pontevedra acaparan todo o protagonismo social e económico, o resto de galegos que non vivimos no chamado eixo atlántico, ben parece que estamos condenados á desaparición. E non quero ser catastrofista con esta afirmación, dígoo cos datos de poboación, alarmantes, moi alarmantes que así o confirman.

Un exemplo: no interior da provincia de Lugo e no pasado ano, só aumentaron poboación, Lugo capital e Outeiro de Rei, como concello dormitorio deste. O resto, ningún, incluso Vilalba, como cabeceira de comarca baixou xa dos 15.000 hab. e cedeu a medalla de bronce como 3º municipio máis poboado da provincia en beneficio de Viveiro. Só na Mariña, cunha pesca e turismo fortes e cunha gran empresa como Alcoa, houbo illotes de esperanza nestes datos, con dous concellos: Burela e Ribadeo que gañaron uns poucos habitantes no último exercicio.

"De non mudar de políticas daremos paso a ese escenario de millóns de galegos vivindo en áreas urbanas por unha banda e montes e terras abandonadas por outra".

Moitos sociólogos auguran que en poucas décadas máis do 80% da poboación galega vai estar asentada nese eixo atlántico. Vamos, que camiñamos con ritmo imparable cara conseguir de Galicia algo parecido a México. Un drama silencioso que ten como consecuencia un agro abandonado. Só verdadeiros heroes como os produtores de queixo de San Simón (tirando para a miña casa...), son capaces de vivir e de facelo dignamente no noso outrora rico medio rural.

Non hai país desenvolvido que esqueza o seu agro, ollemos Francia ou Holanda ou Alemaña, todos estes países teñen un agro forte porque ao final, ademais do I+D+I, da sociedade 2.0, das finanzas e das fábricas de automóbiles, imos ter que seguir comendo e que eu saiba aínda non hai fórmula química para poder fabricar patacas, grelos ou fabas. Iso si, teremos que pensar moi en serio se estamos a facer todo o esforzo posible para que eses produtores agrícolas ou gandeiros contan co máximo apoio e as ferramentas necesarias para garantir o seu medio de vida.

Eu, lamentablemente creo que non. De non mudar de políticas daremos paso a ese escenario de millóns de galegos vivindo en áreas urbanas por unha banda e montes e terras abandonadas por outra. É ese o futuro que queremos para Galiza,? De nós depende.

Comentarios