Opinión

Carta  a un seareiro descoñecido do Leicester (dun do dépor)

Querido compañeiro futboleiro, non sabes que ilusión me fai ver que na todopoderosa Premier o teu club vaia de líder, tendo todas as papeletas para quedar (saír, que diría un arxentino) campión. 

Véxome totalmente representado na vosa camisola, a dunha equipa de cidade pequena como A Coruña, con menos de 300.000 habitantes. Facendo bo fútbol, sorprendendo e rachando todos os pronósticos que intuían unha liga para un dos de sempre:  Arsenal, Manchester City ou United, Chelsea ou mesmo Tottenham, iso a pesares de que a Premier ten históricamente máis actores activos que a moito máis insípida liga española, onde Barça e Madrid acaparan sempre a atención e a maioría dos títulos en xogo.

É o voso Leicester deste 2016 o noso dépor dos 90. A milagre e a rebelión dun pequeno, a ilusión dunha cidade (e boa parte do seu país). Ti coma min curtícheste vendo moitos partidos na 2ª, viaxando por campos que acollerían perfectamente pachangas de solteiros contra casados, facendo piña nas malas, soñando con tempos mellores como cando quedastes subcampións segundo che relata teu pai, igualiño que o noso dépor no ano 50.

Vives estes días nunha nube frotando os ollos. Ves os teus liderando o campionato, fas cábalas, contas as xornadas, os días que restan para poder estalar de ledicia. Pero ollo amigo, non vendas a pel do óso antes de matalo, dígocho por experiencia. Xa sabes o que nos pasou nese fatal día de maio do 94 dende os sete metros, cando todo o noso desexo esfumouse nun intre, trocando a celebración por bágoas. Non o fagas, se cauto. Vai saboreando o día a día e só se matematicamente podes celebralo faino, e faino con toda a enerxía que merecedes como David que vén de derrotar a Goliath(s). Mais se este ano polo que sexa: mala sorte, providencia ou que sei eu…, non vos toca, non deixes de crer que algún día a xustiza volverá darvos o que cruelmente vos roubou. 

Vai saboreando o día a día e só se matematicamente podes celebralo faino, e faino con toda a enerxía que merecedes como David que vén de derrotar a Goliath(s)

Se ao final un dos grandes, con máis cartos, con máis presión mediática é quen de alcanzarvos e superarvos, pídelle a Ranieri que ofreza unha rolda de prensa chea de sentido e grandeza humana como a que o noso Arseniño deu cando todos nós aínda estabamos tragando amargamente a saliva da derrota.

Sexa como sexa, campións ou non, xa fostes os “protas” deste ano. Non perdades a perspectiva de onde vides e quen sodes, un humilde con garra e con máis ilusión que ninguén. Iso é moito, iso é todo. 

Agardando poder celebralo dende aquí abaixo por vos, unha forte aperta!!

Comentarios