Opinión

Carta a Fernando Vázquez

Estimado adestrador:

Mentres “corrías a banda” o pasado sábado 31 de maio polo perímetro do estadio de Riazor, chegaron á miña memoria varios recordos.

Estimado adestrador:

Mentres “corrías a banda” o pasado sábado 31 de maio polo perímetro do estadio de Riazor, chegaron á miña memoria varios recordos.

"Identificácheste co equipo, coa afección, co sentimento, e iso levounos a confiar en ti, necesitábamos implicación e ti déstesnola ao cen por cen".

Lembrei cando chegaches ó meu querido equipo, sen condicións, nunha situación económica e institucional terriblemente complicada e último na clasificación, a unha distancia dos postos de salvación que semellaba xa insalvable. Con ese panorama desolador aceitaches o reto e fuches pouco a pouco inxectándonos ilusión, tanta que de verdade comezamos a crer na milagre. Non puido ser por moi pouco, mais estivemos remando ata o último segundo, unidos. Identificácheste co equipo, coa afección, co sentimento, e iso levounos a confiar en ti, necesitábamos implicación e ti déstesnola ao cen por cen.

Pero tamén pensei aquel sábado 31 de maio cando moitos seareiros aplaudían ó teu paso, que seguramente algúns deles non había catro días botaban pestes contra ti cos consabidos: “é un amarrón” ou “veña máis defensas”, mais no fútbol como na vida mesma a coherencia e a lealdade non son valores en alza, e o que hoxe loamos mañá defenestramos con total naturalidade. Recordei tamén ó grande Arsenio Iglesias, como en dous anos pasáramos dun clásico de segunda a competir con Barça e Madrid e algúns xa o tiñan no centro da diana. O noso “zorro de Arteixo” non só conseguira facer un equipazo con retais senón que gañara o respecto e admiración de todos polo seu “sentidiño” e “humildade”, e é que Arsenio, como ben di Xurxo Souto, era e é un ghaiteiro. Os grandes vense nas ocasións e aínda hoxe en día emociónome vendo a rolda de prensa do galego despois de perder a liga do maldito penalti de Djukic. Tamén perdendo dánse leccións e ninguén perdeu con tanta enteireza e dignidade como Arsenio. 

"Gústanos ser do Dépor, gústanos que a megafonía e as locucións da celebración do ascenso falen galego, gústanos que ti fales galego nas roldas de prensa. Quédanos conseguir quitar o “L” do nome do equipo, mais todo chegará".

Pouco despois da liga marrada, a xustiza devolveu ó deportivismo en xeral e a Arsenio en particular, o merecido premio cunha épica copa do rei (do anterior) gañada en dobre capítulo a aqueles que se encargaran de augarnos a festa un ano antes. Xa co noso primeiro título na man volveu o papanatismo, Arsenio non tiña talla para un equipo como o Dépor daquel entón, comezaron a predicar os “eruditos do Marca” de sempre. E así foi que o noso Arseniño deixou o Deportivo para ser substituído por John Benjamin Toshack. Máis alto, máis elegante, con máis caché e con acento británico. Xa tiñamos o adestrador de renome e estranxeiro que merecía aquel superdépor, xa os “eruditos do Marca” estaban contentos mais a ledicia destes durou pouco, o mesmo que sir J.B tardou en facer bo ó noso eterno Arsenio.

Por iso querido Fernando, quero dicirche que non tires a toalla. Que neste país temos moitos “eruditos do Marca” que desaparecen cando van mal as cousas e ven no de fóra sempre as solucións ós problemas de casa. A do deportivismo é moi grande. Non só é A Coruña, é boa parte de Galiza a que gosta de vibrar co equipo, os que estamos orgullosos del e nunca o cambiamos por atopar os “títulos express” que nos proporcionaría ser do Barça ou Madrid. Gústanos ser do Dépor, gústanos que a megafonía e as locucións da celebración do ascenso falen galego, gústanos que ti fales galego nas roldas de prensa. Quédanos conseguir quitar o “L” do nome do equipo, mais todo chegará.

Este ano adestrarás un equipo de primeira, aínda que o Dépor (nós, a súa afección) nunca deixamos de selo. Eu estou convencido da túa valía, porque como se demostra noutras casas (Barça ou Atlético), ter técnicos que sintan as cores, funciona. 

Non cheguei a ti cando pasaches suando e coa bandeira galega na man pola miña zona ese sábado, mais que che quede claro que me alegrei moito, por min e por ti. 

Apertas.

Comentarios