Opinión

Carta aberta a SÉS

Querida María Xosé:

Despois do teu concerto do pasado 24 (en realidade xa era 25) no Festigal, necesitaba escribirche.
Xa o sabía, pois non era a primeira vez que te vía en directo, mais agora xa o teño totalmente claro: es unha superdotada da música e un animal de escenario.

Querida María Xosé:

Despois do teu concerto do pasado 24 (en realidade xa era 25) no Festigal, necesitaba escribirche.
Xa o sabía, pois non era a primeira vez que te vía en directo, mais agora xa o teño totalmente claro: es unha superdotada da música e un animal de escenario.

"Xa o teño totalmente claro: es unha superdotada da música e un animal de escenario".

Posiblemente a túa irrupción no panorama galego converteute na artista máis importante en décadas. Rachas con todo, non tes etiqueta nin límite e nunha hora podes ser moitas SÉS mais sempre moita SÉS.

Noite do apóstolo, campus sur. Enriba do escenario unha rapaza miúda, “labregha berghantiñana” que derrocha descaro. SÉS Chavela, tenra. SÉS Celia, torrente. SÉS Janis, esgarradora, e así ata moitas SÉS distintas segundo a ocasión, eléctrica e provocadora ou acústica e melancólica, e sempre coa súa personalidade e divina arrogancia de quen se sabe dona do espazo e intre.

Preguntábame ó verte e escoitarte, de onde sacas esa voz potente que as veces semellaría almacenada nun corpo negro e orondo. Creo que atopei a resposta, corríxeme se me equivoco.

Esa voz intensa e modulada nace do grito do inconformismo. Non serías SÉS se foses dócil. No teu pecado levas a túa virtude, e digo o de pecado porque estou seguro que a túa progresión (comercial) sería máis meteórica se acaso, se tiveras a boca pechada nalgúns temas. O poder miraríate con mellores ollos mais a túa voz esmorecería. 

"Rachas con todo, non tes etiqueta nin límite e nunha hora podes ser moitas SÉS mais sempre moita SÉS".

Mentres observo atónito despois de moitos anos ligado á música dende a radio e os medios, como moitos artistas do pop e rock presumen da súa “apoliticidade” e a súa falta de contido social, xurdes ti, implicada en todos os males que golpean á túa xeración, sen medo, sen dependencias. 

É por iso que dos artistas comprometidos nacen as obras máis sobrecolledoras da historia, ou é que Lennon, Picasso ou García Márquez eran alleos ás inxustizas que azoutaban ós seus contemporáneos?, xa sabes a resposta e eso non te vincula a compoñer a túa música adicada á Galicia Bilingüe ou á monarquía, pero como ben sabes, as cancións de amor máis emocionantes naceron máis do desengano e do desamor que dos frechazos.

Xa para rematar, estimada cantareira, desexo que este verán sigas facendo país micro en man, cantando como muller, como galega, como labrega, como persoa, como estrela.

Moitos bicos, moita sorte.

Comentarios