Opinión

BNG, presente e futuro

O portavoz nacional así o dixo na noite do 24M, “os resultados do BNG foron dispares”.
A nivel xeral poderían cualificarse de aceptables mais aparecen desertos certamente preocupantes.

 

O portavoz nacional así o dixo na noite do 24M, “os resultados do BNG foron dispares”.

A nivel xeral poderían cualificarse de aceptables mais aparecen desertos certamente preocupantes.

En primeiro lugar debemos admitir que aínda que Amio queda xa moi atrás, a súa sombra é moi alongada, e que da convulsa asemblea os escindidos conseguiron mellor prensa que aqueles que aceptamos e asumimos o voto da maioría, axustado pero democrático. Semella que os que abandonaron o barco acadaron un halo de independentes ou renovadores que foi negado ao resto da formación, por moitos intentos, que se fixeron, de actualizar a mensaxe política.

"As mareas recolleron un voto que no pasado correspondía ao BNG e polo que suspiramos no presente, o voto da xente nova, o voto da alternativa".

Deste xeito compróbase que en prazas onde os escindidos se fixeron fortes,  minguaron a capacidade do BNG considerablemente.

Nas cidades, as mareas recolleron un voto que no pasado correspondía ao BNG e polo que suspiramos no presente, o voto da xente nova, o voto da alternativa.

Campañas, o meu entender magníficas como a de Carril na Coruña, non puideron contrarrestar a forza desas mareas que arrastraron vontade de cambio, a pesares de que o candidato coruñés estivo máis que ninguén ó carón dos cidadáns máis desfavorecidos, descubrindo esa Coruña oculta, esa tan distinta da imaxe vazquista e post-vazquista dunha cidade luminosa e feliz.

Ademais de Lugo e Ferrol que aguantaron ben, Só Pontevedra, entre as cidades, pode presumir duns resultados optimistas sen reservas.

O espello no que se converteu a cidade do Lérez para os nacionalistas transfórmase nun bastión de modelo a seguir.

Mais lonxe dos resultados mediáticos de Pontevedra, temos no BNG outros exemplos que deben facer que non focalicemos o noso orgullo municipalista na sempre fiel Allariz e na perla da coroa de Lores.

"Se ben somos quen de ilusionar coa nosa xestión, non sucede o mesmo coa esperanza da alternativa. É aí onde temos que recapacitar para recuperar espectro".

Ribadeo é hoxe un Concello referencia, e os magníficos resultados de Fernando Suárez deben tamén facernos reflexionar no xeito de facer política do mandatario mariñán, conseguindo integrar na súa candidatura a históricos nacionalistas que deambulaban entre as dúbidas para unilos ao proxecto, e tamén a unha probación tan particular como a ribadense, de que o BNG é un voto útil, amable e construtivo, sen esquecer as súas orixes.

O mesmo pasa en San Sadurniño, cun home de ideas claras como Secundino, que está a facer algo tan importante como a rexeneración do bloque en Ferrolterra, cun Concello estandarte que fixa e suma presencia nos limítrofes.

Sería inxusto esquecer a outros alcald@s do BNG que acadaron maiorías simples ou absolutas e que deste xeito apuntalan en primeira liña, na máis próxima á cidadanía, a política da nosa formación.

Gran mérito para Antelo en Vimianzo, Evencio en Carballo, Xosé Luis na Pobra de Brollón ou Sandra en Tomiño e así ata os 17 que ostentarán seguro a alcaldía, e os 10 que a través de pactos farano tamén con case total seguridade.

"É o intre de entender que non podemos agardar unha semana máis a que a xente veña a nós, senón de comprender a situación do panorama galego do século XXI e adaptar a nosa mensaxe para facer máis entendible a necesidade das nosas políticas"

Queda polo tanto acreditado que o BNG é capaz de vender xestión, porque ten a capacidade de demostrar a súa valía a través dest@s compañeir@s que co seu gran traballo acadan a aprobación dos seus veciños, mais compre tamén indicar que se ben somos quen de ilusionar coa nosa xestión, non sucede o mesmo coa esperanza da alternativa. É aí onde temos que recapacitar para recuperar espectro. Todos, eu o primeiro cuns resultados no Concello onde encabecei nada satisfactorios.

É o intre de entender que non podemos agardar unha semana máis a que a xente veña a nós, senón de comprender a situación do panorama galego do século XXI e adaptar a nosa mensaxe para facer máis entendible a necesidade das nosas políticas, nacionalistas e sociais en inseparable medida.

Teño a seguridade de que un xeito de espertar de novo a ilusión perdida é o esforzo en unir ao proxecto nacionalista a aqueles que, con matices distintos, non teñen dúbida da importancia dunha Galiza con voz propia en todas as administracións. O nacionalismo pide entendemento, e ese entendemento só debería ter unha condición: Galiza primeiro.

Sabemos que hai quen desbotou esa idea hai tempo e cegado polos éxitos a curto prazo, nada fará que retorne á orixe do noso propósito político, mais estou seguro de que a xenerosidade daqueles que son capaces de tragar amor propio e traballar polo ben común do noso país fará que unha forza propia galega volva a ter o peso que o pobo necesita.

É moito o conseguido en décadas de loita tantas veces ingrata, mais é moito máis o que resta por acadar. Entendendo todo o traballo feito, os éxitos sumados, poderemos entender os erros que nos poden desviar do camiño marcado cara un mesmo obxectivo.

É ben sabido que son afeccionado do deportivo. Este ano celebramos por todo o alto a permanencia no último suspiro. Hai quince faciamos o propio co título de liga.

Comentarios