Opinión

Alí, Best, Hunt e Maradona 

Xa hai uns días que coñeciamos a nova da perda dun grande do deporte, un dos máis carismáticos de todos os tempos, o xenial Muhammad Alí.

Para os que peiteamos canas, Alí é unha desas imaxes eternas na nosa retina. Tempos de deporte total, de estrelas que o eran dentro e fóra do ámbito da competición.

Alí non deixaba indiferente a ninguén. Irreverente, arrogante por veces, e sobre todo líder.

O boxeador máis grande de todos os tempos era puro espectáculo, a súa grandeza cultivouna tanto a golpes como a roldas de prensa.

Como os que teñen reservado un oco na historia, Alí tiña moitas zonas escuras. Posesivo coas mulleres e faltón cos seus opoñentes, especialmente con outro grande (noutro concepto), Joe Frazier.

Alí, como George Best, Maradona ou James Hunt, pertencía a esa elite de deportistas amados ao 50% pola súa vida deportiva e privada. Cheos de excesos, alcohol e sexo no caso dos británicos, non renunciaron a vivir intensamente.

Alí, como George Best, Maradona ou James Hunt, pertencía a esa elite de deportistas amados ao 50% pola súa vida deportiva e privada

O caso de James Hunt, o piloto de fórmula 1 que desquiciou á “computadora” Niki Lauda, é particularmente chamativo, facendo gala da súa licenciosa vida. No seu mono de competición lucía a frase que a resumía: “sexo, o almorzo dos campións”.

Atrás non se quedou o xenial George Best, posiblemente o mellor futbolista da historia da liga inglesa. O irlandés asinou outras frases para a historia: “Gastei fortunas en mulleres e alcohol, o resto despilfarreino”. Como o piloto, Best posuía un gran sex appeal do que fixo gala para alimentar o seu propio mito.

Nin Hunt, nin Best tiveron un remate de vida de príncipe, o primeiro fulminado por un infarto e o segundo sumido nunha autodestrucción de libro.

O caso de Maradona é distinto, pasando do inferno ao ceo á mesma velocidade que xogadores deixaba atrás cos seus caneos. So un astro como el puido facer un equipo da zona deprimida de Italia que nunca gañara nada importante, campión.

Só un "barrilete cósmico" como el pasará a historia polo gol ilegal máis célebre do fútbol.

E que dicir de Alí… viviu con honor loitando coa súa enfermidade, amosando unha grandeza en todo momento propia dun home que venceu todo tipo de obstáculo ao longo dos anos, moitas veces gañados pola súa determinación e valentía. Que deportista no presente renunciaría a un título mundial por cuestións políticas ou ideolóxicas?, cústame pensar nun só nome.

Que deportista no presente renunciaría a un título mundial por cuestións políticas ou ideolóxicas?, cústame pensar nun só nome

Porque os deportistas que os nosos fillos gardarán na súa retina, pouco teñen que ver con estes mitos de décadas pasadas. Moi politicamente correctos, semellan empresas con patas.

É por iso que, por exemplo Cristiano Ronaldo un dos futbolistas máis populares do mundo, teña como imaxe para a historia uns perfectos abdominais tras meter un penalti. 

É por iso que CR7 nunca fará chorar a un locutor narrando un gol seu, ninguén agradecerá entre bágoas a Deus telo dado a este mundo.

E é que Cristiano Ronaldo é amigo de Kevin Roldán e Alí o era de Sam Cooke e Malcolm X, e George Best dos Beatles…

Deportistas que eran persoas coas súas miserias e que non pedían autorización ao seu representante ou asesor de imaxe antes de correr unha noite de sexo e alcohol ou de dicir unha impertinencia a un xornalista.

Campións que antes de grandes xestas deportivas tiñan que arranxar problemas sentimentais (Alí antes do Thrilla Manila), ou rexistrar records de sedución, como Hunt na noite anterior ao gran premio de Fórmula 1 de Xapón de 1976 no que se proclamou campión do mundo.

Campións doutros tempos, doutro carisma, cando ser unha estrela era moito máis que lucir bronceado e ensinar firmas comerciais.

Maradona, Best, Hunt, Alí, fronte a Ronaldo, Nadal, Alonso… permítanme, a risco de semellar o peor do peor, que me quede co primeiro grupo, con moito.

Comentarios