Opinión

Villamil + Agabo + Xosé Velo

Hoxe quero render unha pequena homenaxe persoal, a modo de recoñecemento, a tres organizacións da solidariedade internacionalista galega que, con constancia e dedicación, viñeron apoiando e defendendo a Cuba, a Venezuela e, en xeral, a toda a América Latina, ante as agresións de EEUU coa vergoñosa complicidade da UE.

As tres teñen casualmente a súa sede principal en Vigo, aínda que o seu territorio de actuación é toda Galiza. Vémolas incansables, organizando foros, seminarios e conferencias, editando libros, publicando comunicados oportunos, e traballando nas redes para difundir a realidade latinoamericana en contraposición ás mentiras dos medios hexemónicos.

A primeira á que quero nomear é a Agrupación de Amizade Galego Cubana "Francisco  Villamil",  que xa cumpriu corenta anos de existencia e leva o nome dun galego que, uníndose á loita pola independencia de Cuba ata alcanzar o grao de maior xeral do Exército Liberador Cubano, faleceu en 1873, con corenta anos, a consecuencia de feridas sufridas en combate dous anos antes. A elección deste nome dínolo todo. As actividades desta agrupación de carácter unitario poden seguirse a través da páxina "Terra sen amos". O seu traballo de solidariedade con América Latina, facendo especial énfase en Cuba e a súa Revolución, é un exemplo de constancia, dedicación e compromiso activo.

A segunda á que me refiro é a Asociación Galego-Venezolana Hugo Chávez, AGABO, nacida dous ou tres anos despois do falecemento do Comandante Presidente da República  Bolivariana de Venezuela, que ocorreu en 2013. É tamén unha activa organización de solidariedade  internacionalista con América Latina, pero neste caso con particular atención á defensa da Revolución Bolivariana, fronte ás agresións imperiais. Así, cada vez que se produce un novo ataque contra Venezuela, AGABO faise presente para ratificar a súa solidariedade co pobo venezolano e o seu goberno revolucionario. Pola miña banda non podo senón expresar un infinito agradecemento aos seus membros. Talvez nin se imaxinan o importante que é o seu traballo solidario para nós.

A máis nova da tres agrupacións nomeadas no título desta nota é a Agrupación Xosé Velo, cuxo nome evoca ao revolucionario galeguista, nacido en Celanova, que chegou a Venezuela en 1947 e desde alí loitou contra a ditadura franquista, para falecer en São Paulo en 1972. Esta agrupación, que se define como "un grupo de diferentes referencias  ideolóxicas interesadas en coñecer e espallar a situación en Latinoamérica (e especialmente en Venezuela) -que está a vivir un dous seus momentos históricos máis tensos e esperanzadores- así como as súas causas e consecuencias", é sumamente activa nas redes, con foros e conferencias virtuais, cando non presenciais, e cunha excelente páxina web que convido a seguir.

Converto o meu corazón agradecido nunha copa para brindar por todas elas.

Comentarios