Opinión

O verdadeiro sentido da política

O home é un animal político. Suponse que en principio todos e todas o somos, é dicir, animais da cidade, aos que nos afectan os asuntos públicos. Pero algún, ademais, a esa relación natural coa política, súmanlle unha dedicación, digamos, extraordinaria que os converte directamente en políticos. Cal é a motivación de fondo para que iso ocorra?

Como queira que son esencialmente un profesor, ou seica un poeta ou escritor, e por oficio un arquitecto, pero que pola boa ou mala sorte de posuír un corazón que pensa, tiven que dedicarme ademais ao traballo político, quero aclarar, aínda que sexa para o meu propio consumo, as razóns que se me ocorren polas cales alguén se deba dedicar ou se dedique, de feito, á política no mundo no que hoxe nos toca vivir.

Doulle voltas ao tema e só vexo tres grandes razóns a destacar. Ou mellor dito, dúas, mais a derivación dunha delas. Penso que todas as demais son secundarias ou tanxenciais.

A primeira e máis evidente é que te dedicas á política nunha determinada circunstancia social e territorial, para defender os intereses dominantes, e os valores predominantes sobre os que eles se sustentan neste universo social.  Eses valores gústanche e deféndelos. Tal é a túa motivación. E iso esixe un compromiso que ti asumes voluntariamente para protexer o sistema tal como é, a vida social tal como está estruturada, a orde establecida que che parece importante de conservar, tanto porque os teus intereses materiais dependan da súa existencia, como porque os donos dese poder gañáronte para a súa causa. Non te xulgo. Pero se é así, no contexto en que vivimos, ti es unha persoa de dereita. Pódese dicir, conservadora. O que te impulsa é que nada cambie nos seus aspectos estruturais.

Unha derivación desta, pero enmarcada na mesma visión do mundo, é que a política che pareza unha boa profesión para exercela como oficio. De modo que te dedicas á ela como medio de vida. Cando iso ocorre, o normal é que defendas tamén os intereses dominantes. E por suposto serás inevitablemente de dereita. É unha cuestión pragmática. Os límites que te marques a ti mesmo dependerán da capacidade do teu soporte ético para encaixar nas circunstancias. E non digo máis. A bo entendedor, poucas palabras bastan.

A terceira razón, que é a que me move a min en particular, e que por iso coñezo ben, é a necesidade interior de contribuír a cambiar o mundo, vale dicir, a orde existente, a súa desigualdade, a súa inxustiza estrutural, as súas formas de explotación, opresión ou exclusión, as súas aberracións. Esta é, no fondo e na forma, unha razón amorosa, unha paixón polos demais, un entregarse sen paliativos ao que Hugo Chávez denominaba a causa humana. Non merece, ao meu xuízo, un especial encomio, nin ha de ser considerada como dun mérito especial. É sinxelamente o que todo home ou muller de ben debería facer. Contribuír a cambiar o mundo de raíz para facelo humanamente gratificante. Velaí o verdadeiro sentido da política. 

Comentarios