Opinión

Venezuela!

En decembro tivemos as primeiras noticias do brote dun novo virus, como algo que comezaba a facerse notar nun lugar distante, alén dos mares. En principio non parecía especialmente ameazante nin perigoso. Catro meses despois, o mundo sofre unha pandemia que sementa masivamente a morte e paraliza e castiga a vida social, tal como a coñecemos, particularmente a vida urbana en case todos os países.

Ben mirado, isto no fondo non é senón un ataque feroz, desapiadado, contra a vida de cada día, causado por unha pequena partícula que, en moi pouquiño tempo, nos esnaquizou a cotiandade ata extremos insospeitados. Non é certo?

Pero onde quero chegar, ao referirme aquí a estas circunstancias coñecidas por todos e por todos sufridas? Diréivolo con claridade: quero chegar ao tema de Venezuela, para que pensemos nela todos xuntos e nos solidaricemos co seu pobo, que sofre non só esa circunstancia común, senón ademais un ataque desapiadado por parte de EEUU e os seus países subordinados, incluíndo os da Unión Europa. A pandemia, no marco dunha guerra híbrida.

Imaxinemos respecto diso que, se un pequeno virus, sen propoñerllo porque carece de conciencia, é capaz de afectar de tal maneira a vida social dun país, que non sería capaz de facer voluntariamente e con toda a súa forza de coacción despregada, un imperio, o máis violento e poderoso da historia, se se propuxese desencaixar a un pobo e rebentar a súa cotiandade para dobregar o seu ánimo e facelo render?

Pois iso, e non outra cousa, é o que lle ocorre a Venezuela, que non só debe atender a pandemia como os demais países, por certo con notable éxito ata o de agora, senón que ademais ten que facelo mentres sofre na súa carne desde hai varios anos a experiencia da cruel guerra de novo tipo deseñada e posta en práctica pola elite norteamericana, coa complicidade vergoñosa dos poderes europeos. Guerra total que significa ataque mediático coordinado, brutal bloqueo económico, comercial e financeiro, intento de cerco diplomático, imposición de medidas coercitivas unilaterais, ameazas constantes de invasión, terrorismo e paramilitarismo organizado, planificación e execución de magnicidios, saqueo dos seus bens e contas no exterior, persecución contra os seus líderes e o seu goberno, e pare vostede de contar. Todo iso para lograr, como dicía máis arriba, esnaquizar ata o límite do imaxinable a súa cotiandade co obxectivo de lograr a doma e castración da súa xente, cousa que non lograron nin lograrán xamais porque se algo lle sobra ao pobo de Venezuela é conciencia, dignidade e espírito de loita.

Pero fagamos o exercicio de imaxinalo nós por un momento. Imaxinemos a crueldade deste ataque contra a vida cotiá dun pobo, e as súas consecuencias reais, a partir de nosa propia experiencia destes días desde a declaración de alarma.

Imaxinémolo. Terrible asunto verdade? Pois é real no caso de Venezuela. E o peor de todo é que nestes momentos de grave pandemia xeneralizada, non só non alivian a presión senón que aproveitan para recruala, violentando as leis internacionais e, por suposto, atentando, eles si, contra os dereitos humanos individuais e colectivos. Unha acción criminal en toda regra que debería avergoñar as sociedades dunha Unión Europea que presume de avanzada, civilizada e democrática.

Chegados aquí, e de acordo ao que vin expoñendo, permítome solicitar o voso apoio a Venezuela, para esixir que cesen as mal chamadas sancións, non contempladas no dereito internacional.

Penso tamén que, en termos prácticos, unha boa maneira de manifestar esa solidariedade, sen descontar por suposto as expresións individuais de respaldo, é a través de comunicados das agrupacións sociais, culturais, deportivas, gremiais, veciñais, colectivos de intelectuais e artistas, asociacións, sindicatos, movementos e partidos aos que pertenzamos.

Poño o meu correo persoal á orde para recibir esas comunicacións de apoio a Venezuela e tamén a nosa querida Cuba, dúas nacións irmás referencias de dignidade. Grazas anticipadas. [email protected]

Comentarios