Opinión

Venezuela: a guerra tamén está aquí

Non sei se o temos claro todos, pero nas guerras agresivas de hoxe, de natureza  multifactorial e amplo espectro, as hostilidades despréganse tamén cara a outros escenarios, máis aló dos territorios agredidos.

Desta maneira, hai aspectos da ofensiva imperial contra Venezuela que inevitablemente  tocan a Galiza.  Así, a guerra está tamén aquí,  entre nós. 

Unha parte importante dela pódese recoñecer na fronte mediática, como compoñente clave da guerra, cuxo obxectivo fundamental é crebar para sempre unha posible identificación entre os pobos  e, desde logo, erradicar o natural espírito de solidariedade que puidésemos desenvolver cara a Venezuela, como país agredido. E para iso necesítase terxiversar fundamentalmente o sentido do que alí ocorre, escurecendo as súas partes luminosas e cambiando o foco da natureza dos seus problemas.

Hai aspectos da ofensiva imperial contra Venezuela que inevitablemente  tocan a Galiza.  Así, a guerra está tamén aquí,  entre nós

Tal como ocorre noutras partes, aquí tamén o tratamento do tema Venezuela por parte da maioría dos medios, consiste en descualificar a vontade soberana do pobo  bolivariano,  menosprezar o seu goberno lexítimo e  deformar as causas dos acontecementos.  Iso faise moitas veces a través da mentira directa e a ocultación de feitos e de datos que contradigan o discurso xeneralizado, pero sobre todo a través do manexo  inescrupuloso da linguaxe para  demonizar a unha das partes e  glorificar á outra.

Nada diso é casual. Responde a unha estratexia compartida polas grandes axencias de noticias, e a case totalidade (con dignas excepcións) das empresas de comunicación. 

Agora ben, esta toma de partido mediática, onde todo intento de obxectividade é deixado de lado, pasa a converterse, se o analizamos con propiedade,  nunha agresión tamén contra os seus propios usuarios (o seu público lector no caso dos medios escritos), ao negarlles o dereito a unha información seria,  confiable ata onde se poida e, sobre todo, veraz.

Así, a mentira sostida, a desinformación, o cerco mediático a unha das partes, o titular torcido e  descualificador, convértense en proxectís ideolóxicos,  non só contra o proxecto  bolivariano, senón tamén contra os propios lectores galegos.

A manipulación é tan descarada que chega a dar vergoña allea. Nin sequera vale a pena poñer exemplos. Talvez unicamente ensaiar a parodia a través dalgunhas frases, aplicándolles ao reino de España e ás súas autoridades de Estado o mesmo tratamento que os medios lle dan a Venezuela. Pero non caio na tentación de facelo. Teño algúns escrúpulos dos cales carecen, ao meu parecer, uns cuantos xornalistas e moitos donos de medios.

Comentarios