Opinión

E se resulta que ti es máis bolivariano do que pensas?

Agora, cando nesta zona do mundo unha boa parte dos medios se refiren case cada día ao “réxime bolivariano” ou á “ditadura de Maduro”, penso que sería bo que cada lector fixese unha introspección persoal de tipo ético e ideolóxico, no seu propio sistema de valores, para saber cal é a súa posición con respecto a ese “réxime”. Pois talvez levaría unha sorpresa.

Dígocho particularmente a ti: que pasa se resultas máis bolivariano e chavista do que pensas? Ao meu xuízo non pasa nada e, máis ben, celebraría a coincidencia da túa posición coa miña, pois, no meu caso, resulta un orgullo a identificación plena cos valores do proceso bolivariano.

Respecto diso propóñoche un exercicio moi simple: a continuación vou anotar en forma desordenada algúns fragmentos de intervencións e escritos de Hugo Chávez en relación a temas de interese como poden ser o amor, a conciencia, o poder, a humanidade, a historia, a cultura, a espiritualidade.

Analízaos e pensa se pola túa banda os subscribirías. Pode ser que leves unha sorpresa. Se cadra resulta que ti es un gran bolivariano e non o sabías. Vaia, pois, esta breve relación:

“Así deben ser vostedes, cada un debe ter por dentro un big-bang, unha grande explosión de amor, porque é amor o que se require, o amor é o motor fundamental dunha verdadeira revolución” (Hugo Chávez, 13 de outubro de 2004).

“Amo o ser humano, non importa a cor, a condición social, o idioma e todo o que dicimos, dicímolo con amor por toda a humanidade e dicímolo precisamente por amor a toda a humanidade. Non crean os países desenvolvidos do mundo que o camiño polo que vimos camiñando garante a vida futura. Non! Se non reencontramos o camiño da xustiza o mundo simplemente non é viable nin para os ricos nin para os pobres” (Hugo Chávez Discurso na FAO, 16 de outubro de 2002).
“Unha Revolución verdadeira, como a nosa, non se fundamenta só na construción dunha nova, xusta e igualitaria orde política, económica e social, senón na xeración dun modo de vida plenamente humano, dun universo de valores que teñen a solidariedade no seu centro, dun novo entendemento das relacións entre os homes, dunha nova sensibilidade. […] a que agora é a nosa tarefa e, máis aínda, a nosa misión sobrehumana: a de permitir que o noso pobo alcance e asuma a súa real e verdadeira felicidade, a súa real e verdadeira plenitude como pobo” (Hugo Chávez, carta persoal a Farruco Sesto, 14 de outubro de 2004).

“O poder máis importante é o poder do pobo e o compoñente máis importante do poder do pobo é o coñecemento” (Hugo Chávez ,1 de maio de 2005).

“Pero para ter conciencia é necesario ter coñecemento, mentres máis coñecemento se teña acerca dun fenómeno, dun feito ou dunha historia ou dun país, maior grao de conciencia teremos, máis conscientes seremos” (Hugo Chávez, 13 de abril de 2005).

“Nós estamos a redistribuír o poder. Eu teño un concepto [...]: hai que transferir o poder ao pobo, estamos a crear o Poder Popular organizado” (Hugo Chávez, 24 de setembro de 2009).

“Unha das nosas tarefas fundamentais é a redistribución do poder, iso é democracia, darlle poder ao pobo” (Hugo Chávez, 9 de xaneiro de 2011).
“Son un convencido de que na historia están as claves do presente e as fórmulas para construír un mundo mellor” (Hugo Chávez, en EEUU, 15 de setembro de 2005).

“[...] e a espiritualidade, máis aló do cristianismo, ou as outras distintas correntes relixiosas, iso é a espiritualidade, a sociedade socialista, esa sociedade de iguais, a sociedade do amor, do espírito humano, do home novo, iso temos que inxectalo, inxectalo, inxectalo. Vacinarnos contra o egoísmo do capitalismo, o sentimento egoísta, as ambicións persoais, do que todos dalgunha maneira estamos contaminados” (Hugo Chávez, 15 de decembro de 2011).

Ah, se podería alegar, esas son ideas de Chávez, pero que pasa con Maduro? Completo pois cunhas frases do Presidente, do 10 de xaneiro de 2019:

“Eu dígolle ao noso pobo sempre: 'alá eles coa súa desesperación, o seu nerviosismo e a súa tolemia’. E acá nós co noso amor, coa nosa paz, coa nosa visión de futuro, co noso espírito redentor, libertario, revolucionario, socialista”.

Comentarios