Opinión

A quen poida interesar

Aclaro antes de nada que non pretendo dar leccións a ninguén. Nin sequera consellos, a menos que mos pidan. Sobre todo cando se trata de política.

Porque me movo na realidade e coñezo ben os factores que hai detrás de cada maneira colectiva de interpretar o mundo e de situarse ante el.

E refírome especificamente, confiando en que serei entendido, á maneira de interpretar o mundo dunha boa parte dos meus concidadáns, outrora os meus paisanos, nestes lugares onde habito. Unha maneira de interpretar o mundo ou unha certa visión das cousas que, en palabras de Gramsci, termina expresándose como un sentido común, e, en definitiva, como unha posición política xeneralizada.

Pola miña banda e a partir das miñas experiencias vitais que sempre deixan pegada, teño moi claramente precisada a orixe dese sentido común ao que me refiro. Sei moi ben como se forma. Coñezo a quen o foi inducindo, desenvolvendo e perfilando desde a hexemonía do seu poder. Tamén coñezo ese poder, porque mo ensinou a vida. E como o coñezo, vivín enfrontándoo na medida das miñas posibilidades, case desde o principio das miñas andainas na loita social. 

Valla esta explicación para expresar non a miña perplexidade, porque a estas alturas xa son poucas as negras sombras que me asombran, senón a miña discrepancia total, abismal, coa opinión evidentemente maioritaria que oio na rúa, na televisión, nos diarios, nos bares, no supermercado, entre os meus veciños, acerca dos recentes acontecementos da xeopolítica. Unha diferenza que, como digo, e pouco menos que insalvable, por agora.

Sei moi ben que a medula desa diferenza entre tal opinión estendida e a miña ten que ver coa normal aceptación europea do liderado dos EEEUU de Norteamericana que, ao meu xuízo, non é outra cousa que sometemento.  Sometemento, digo, por parte das estruturas de poder da Unión Europea e, por tanto, dos seus países como conxunto, pero onde non é difícil adiviñar a cota de responsabilidade de cada un por separado e o seu grao de servidume.

Sometemento que ten moito de renuncia a ser. E tamén de claudicación. Tal é o que opino.

Sometemento que, dalgún modo, é visto como algo normal por un sector considerable da cidadanía, (é o que hai, como diría alguén), o que me dá un pouco de temor ao percibir como se vai convertendo en cultura, co risco de se facer logo moi difícil de superar.

Sometemento, por último, que, no meu caso, como latinoamericano en resistencia centenaria ás agresións criminais do imperio gringo, fáiseme imposible aceptar. Razón pola cal quixen deixalo por escrito aproveitando esta xanela que teño aberta.

Comentarios