Opinión

Presenza da memoria

Adoitamos achegarnos ao tema da memoria histórica como un asunto referido á necesidade de xustiza e que, por tal motivo, ten forte incidencia no lexislativo, no xudicial e, por descontado, no político.

No escenario que nos rodea existe unha loita de fondo polo dereito á xustiza negada ou evadida e, por suposto, múltiples batallas, ás veces grandes, outras máis pequenas, ata individuais, que dalgunha maneira vanse articulando entre si. Unha loita que, para algúns, é de suma importancia, polo que implica no tratamento social de algo tan intanxible como o dereito á “dignidade” de todas e de todos máis aló, inclusive, do tempo da vida.

No persoal conéctome moito con ese tema, que me cativa e emociona. Recoñézome como un adicto á memoria compartida. Eu estaba con Celso Emilio Ferreiro (e permítaseme a anécdota) o día en que fomos ver nun cinema caraqueño aquel documental Morrer a Madrid, de Fréderic Rossif, que, se te descoidas, pódeche desatar tales demos internos que non che permitirán gozalo como peza cinematográfica. Todas aquelas escenas doían particularmente na alma e removíana, como non podía ser doutra maneira, estando aínda o ditador no poder. O caso é que o poeta non resistiu a conmoción e seguramente pola rabia contida tivo que saír da sala na metade da película. Pero sendo eu naquel entón moito máis novo que el e non vivindo persoalmente ningún dos feitos alí narrados, senón unicamente as súas consecuencias, pois nacín no ano 1943, a rabia chegoume doutra maneira e, por suposto, quedei ata o final.

Nestes días acabo de ver un recente documental titulado O silencio dos outros, e a sacudida espiritual actúa de novo. Pode humedecerche os ollos, pode tensarche, facerche pensar, e desde logo, consolidar a túa posición tomada ao redor dun tema tan polémico. Porque o dereito á xustiza, que é o recoñecemento á dignidade do que antes falaba, entendido como un sentimento profundo, vai máis aló de normas ou disposicións legais. E mesmo das conveniencias políticas.

Agora ben, eu quixera, neste momento, exceder as consideracións xurídicas ou políticas, para tentar destacar outro aspecto, que para min é máis importante aínda, se cabe. E é o do recoñecemento do tema da memoria histórica como un compoñente cultural de grande envergadura na comprensión do que somos. Porque ten que ver coa estrutura e calidade da alma colectiva, que é o escenario primordial da cultura.

Isto compartino bastante, no seu tempo, con Hugo Chávez, de quen tomei o concepto de que “a cultura é todo o que fomos, sinxelamente así, todo o que somos e aínda o que podemos ser”. E que me tocou aplicalo en Venezuela, no Ministerio onde traballaba, para concibir un lema que dicía: “O pobo é a cultura”.

É algo no que creo profundamente. Como estou convencido, polo mesmo, de que nese “fomos” e nese “somos”, habemos de estar completos, sen escuridades nin riscadas. Sen notas á marxe. Sen zonas prohibidas. Así poida ocorrer que as pasaxes da memoria, coas súas imaxes e os seus relatos, non nos gusten ou non gusten a outros.

Comentarios