Opinión

A patria como construción colectiva

“Eu vin cousas que vós non creriades”. Vin, por exemplo, a dereita política, que por definición é inimiga de todo sentimento igualitario, apropiarse do concepto de patria e facelo seu, como se lle pertencese. E dígoo baseándome na definición martiana de que “patria é humanidade” que, como sabemos, á dereita prodúcelle urticaria.

Porque penso que é a partir de alí, desa disposición sinxela sobre a igualdade real de todas e de todos os habitantes dunha comunidade nacional, en función xustamente da súa humanidade, que haberemos de reflexionar sobre a idea da patria e colocala como emblema de loita, como unha das nosas bandeiras. Das bandeiras da esquerda social, na cal milito.

No particular interésame moito ese tema, o tema da patria, non tanto nos seus aspectos emotivos, aínda recoñecendo a súa importancia en cada un de nós como vivencia persoal, senón sobre todo na súa calidade política. Interésame o tema da patria como consolidación da existencia colectiva. Como propósito estratéxico xeral de emancipación dunha comunidade. Sexa cal for e onde queira que se atope. Falemos da nosa ou de calquera patria. Digamos, por exemplo, a da comunidade nacional á que pertenza o lector que comigo dialoga.

Ao considerar o tema da patria, non podo desvencellarme da historia que nos trouxo ata aquí, porque é unha das súas liñas de sustentación. Pero máis que ao relato do poder ou dos poderes que nos someteron e asoballaron a través dos séculos, gústame vincularme ao de quen padeceron esa mesma historia. Quero dicir, para que ben se entenda a miña posición, que non penso que deba reclamarse a identidade con base aos reis, aos bispos, aos grandes propietarios ou armadores de tales estruturas de poder, senón con base á alma colectiva de quen construíu co seu esforzo o ámbito da vida cotiá a través dos tempos.

E con isto voume á segunda das liñas de sustentación. A da cultura que nos conforma como comunidade. Ou, por mellor dicilo seguramente, a das culturas, vivas, interactuantes, nunca anquilosadas, en evolución constante, de fala, de expresión, de creación, de produción, de interrelación, nun espazo espiritual compartido con todas as xanelas abertas e un mobiliario que se renove cada tanto, pero cun mesmo teito protector das inclemencias. Un teito maternal construído por xeracións de mans entregadas á causa común de manter un gran fogar de dignidade para todas e todos quen neste espazo habiten ou veñan habitalo. Non sei se me explico. Espero que si.

Hai que considerar tamén, por suposto, unha terceira liña fundamental de sustentación da idea de patria, que é obviamente a do territorio. Territorio amado, intensamente noso, mesmo desde as distancias persoais nalgúns casos, sen dúbida, no que nos relacionamos como comunidade. Porque sen el (como no caso de pobos irmáns que tristemente non poden gozalo a plenitude) a patria non sería máis que unha esperanza ou unha motivación para a subsistencia.

A cuarta liña de sustentación da idea de patria é a do proxecto colectivo. A construír democraticamente con participación activa de todas e de todos. Como un proxecto aberto e pleno de emancipación a partir da historia vivida, fundamentado sobre a cultura ou culturas que constitúen a alma colectiva, por así dicilo, e para ser desenvolto no territorio que é casa común.

Porque esa patria así pensada, así constituída, sen donos, sen oligarquías, nin posuidores especiais, é a única, verdadeira, e extraordinariamente fermosa patria posible. Unha patria pola que valla a pena vivir e ata morrer. Construída desde o amor, a comprensión, a irmandade, o soño compartido.

Pero esa patria non pode ser endexamais a da dereita, que é ideoloxicamente adversa a ela. Por moito que reclame o monopolio da idea de patria. Debido a que para a dereita a patria, baleirada de contido, é só unha desculpa e, en todo caso, un instrumento afinado para a dominación. Nunca para a liberación.

Comentarios