Opinión

O caso Alex Saab

Quen é Alex Saab e que pasa con el? Seguramente algúns lectores lerían en días pasados tanto os titulares como algunhas primeiras liñas da noticia da súa extradición aos EEUU desde Cabo Verde, acusado de ser home de palla de Maduro en operacións de lavado de dólares.

Así o veu apuntando en España a prensa da dereita, no amplo espectro que vai desde El País ata ABC, ambos incluídos.

Tamén nalgúns xornais dixitais, digamos, progresistas, o tratamento foi o mesmo, como en Público e El Diario, os dous que eu leo, que reproducen neses mesmos termos as noticias das axencias internacionais, tales como EFE e Europa Press, deixando xa dunha vez por diante ben cimentada no lector desprevido a idea do presunto “home de palla”, para logo xa non retomar o tema, tendéndolle a cama á desinformación.

Pero repito: Quen é Alex Saab? Vou tratar de aclaralo, aínda que moi brevemente nesta columna. 

Saab é un empresario, colombiano de orixe e nacionalizado venezolano, que nos últimos anos puxo o seu talento e capacidade ao servizo do noso pobo, axudando a deseñar os mecanismos e establecer os procedementos para sortear o bloqueo xenocida contra Venezuela, decretado polos EEUU coa complicidade activa ou pasiva da Unión Europea e outros países subordinados. No cumprimento desa misión cardinal de carácter fondamente humanitario, Saab, que foi acreditado para iso como diplomático polo goberno bolivariano, veu contribuíndo a aliviar as penurias da poboación de Venezuela, particularmente na área dos alimentos, as medicinas e os combustibles, causadas polo brutal cerco comercial e financeiro.

É por esa razón, e ningunha outra, que os EEUU, particularmente desde o Departamento do Tesouro, que é un dos principais axentes do bloqueo imperial, lle tiñan posta a vista. 

Así sucedeu que, mentres se dirixía a Irán en voo transatlántico, o avión onde viaxaba viuse obrigado a aterrar en Cabo Verde para encher combustible. Parece que, nunha operación dos servizos secretos dos EEUU, outros dous países negáronlle a aterraxe, forzándoo así a facelo nese pequeno país africano de 400 mil habitantes. Alí, o seu avión foi abordado ilegalmente e Saab aprehendido, é dicir secuestrado, por requirimento dos EEUU. O secuestro ocorreu o 12 de xuño de 2020. A orde de Interpol que serve de parapeto á retención do diplomático ten data 13 de xuño, é dicir, que está emitida un día despois. Coa súa detención non só se violentan os seus dereitos senón a súa condición de diplomático, amparada pola Convención de Viena. 

Evidénciase que o proceso a que é sometido Saab en Cabo Verde é absolutamente político e moi pouco xurídico. Cando puido constituírse a defensa de Saab, esta leva o caso ante o Tribunal de Xustiza da Comunidade Económica de Estados de África Occidental (Cedeao), quen ditamina que a detención é ilegal. Pero Cabo Verde descoñece o fallo do organismo de xustiza africano. Así mesmo o Comité de Dereitos Humanos da ONU envía dúas notificacións a favor de Saab, que igualmente son descoñecidas por este pequeno goberno, sometido á presión gringa, que maltrata o diplomático e o tortura en presenza de axentes norteamericanos. Entre outras cousas, foille negada por moito tempo a asistencia médica, a pesar de ser un paciente sobrevivente do cancro de estómago.

Por outra banda, e como xesto simbólico para que se vexa quen manda, un navío de guerra imperial permanece ancorado durante todo ese tempo ante as costas de Cabo Verde.

Repentinamente, e sen notificación ningunha á familia nin á defensa, Saab é sacado da súa cela, extraditado aos EEUU e ingresado nunha prisión de Miami. Ese segundo secuestro prodúcese na véspera das eleccións presidenciais en Cabo Verde, onde se sabía que o goberno responsable destes feitos ía perder as eleccións, como en efecto sucedeu ante unha oposición que xa anunciara que ía reconsiderar o caso. 

De maneira que nin corrupto, nin blanqueador de capitais, nin moito menos home de palla de Maduro nin de ninguén. Alex Saab é un diplomático venezolano que no momento do seu secuestro cumpría funcións especiais na procura das gretas do sistema de dominación para dese xeito, e con axuda de organizacións e países amigos, ir sorteando o desalmado bloqueo contra Venezuela. Hai que dicir que, por suposto, o pobo venezolano ve en Alex Saab un heroe do noso tempo. 

Comentarios