Opinión

Se nos deixasen ser o que somos

Converso cun vello amigo a quen non vía desde hai tempo e que me pregunta pola situación de Venezuela. “Está moi mal aquilo por alá, verdade?”, dime, case dándoo por sentado dunha vez. “Si”, dígolle, “efectivamente está moi complicado”. 

Están a vivirse situacións de feito que, en relación á calidade de vida cotiá, son moi duras. Pero todo depende de onde te posiciones, da mirada con que vexas esa difícil realidade. Pois se elixes un punto de vista que teña que ver coa dignidade e o decoro, a xustiza, a fraternidade, a ética política, a resistencia e a capacidade de organización ante as agresións, verás unha Venezuela á que, obxectivamente tamén, terías de cualificar con dez puntos sobre dez.
Entón comezo a falarlle ao meu amigo da guerra integral, multidimensional, de novo tipo contra Venezuela, con métodos particularmente crueis e cuxo obxectivo é dobregar o ánimo dos seus habitantes. Unha guerra dirixida polos Estados Unidos coa complicidade doutros gobernos do mundo subordinados ás súas políticas, que son aqueles que no seu momento recoñeceron como presidente un monicreque autoproclamado nunha praza. Fálolle das mal chamadas sancións a que é sometida Venezuela, que non son outra cousa senón medidas coercitivas unilaterais, atentatorias contra os dereitos humanos e violatorias do dereito internacional. Lémbrolle o decreto presidencial de Obama que declara Venezuela ameaza extraordinaria e inusual para a seguridade dos EEUU, actualizado e referendado tanto por Trump como por Biden. Fálolle do cerco feroz financeiro e comercial que priva a sociedade venezolana do osíxeno económico para vivir en tempos modernos. Da imposibilidade a que se ve sometida, a través dunha persecución implacable, de efectuar transaccións no sistema financeiro internacional. Do bloqueo de materias primas e de recursos necesarios para a produción, máquinas, repostos, alimentos, medicinas, vacinas, o que sexa que necesitemos importar. Do secuestro dos seus activos no exterior. Do cerco diplomático e institucional dos EEUU e Europa, torpedeando todas as iniciativas que poidan favorecer a Venezuela. 

Dos intentos de magnicidio. Das sabotaxes eléctricas a grande escala e de enorme magnitude. Dos repetidos intentos de invasión mercenaria. Do quecemento constante das fronteiras, a través do paramilitarismo colombiano. Do feroz ataque á moeda desde o poder dos EEUU, para producir unha irracional hiperinflación e desatar a desestabilización económica, cousa que conseguiron, en procura da desestabilización política, moi lonxe de conseguir, pois “aquí non se rende ninguén”.

Lembro o decreto presidencial de Obama que declara Venezuela ameaza extraordinaria

Cóntolle tamén da campaña da hexemonía mediática internacional, actuando sen vergonza e en bloque contra Venezuela, contra o seu pobo, contra o seu proxecto histórico de emancipación, contra os seus líderes. Unha mediática que enxalza os violentos e terroristas, converténdoos en “heroes” e “loitadores pola liberdade”, mentres cualifica de ditadura, sen razón, o goberno lexítimo dun país, que foi electo en proceso universal, libre, secreto e xusto, a través dun sistema informatizado e a proba de fraude nunha nación que, durante os últimos 21 anos efectuou 25 eleccións xerais. 

Aclárolle que, como contrapartida, o pobo venezolano resiste como ninguén. Organízase. Resolve os seus problemas de todos os días coa conciencia de ser dono do poder a través do seu goberno bolivariano, e de ser pobo feito soldado a través das FANB e a unidade cívicomilitar que blinda Venezuela contra a apátrida dereita conspiradora e contra os inimigos externos. E infórmolle que, pese ao bloqueo, Venezuela construíu nos últimos anos tres millóns e medio de vivendas para o pobo. Que foi resolvendo a cuestión alimenticia cun esforzo produtivo propio e unha xusta distribución. E fálolle do excelente resultado no control da pandemia con seus 2.500 falecidos (sempre dolorosos), notable resultado se se teñen en conta os 450.000 mortos ata hoxe do Brasil e os 84.000 de Colombia.

Dígolle que se nos deixasen ser o que somos, Venezuela ademais de ser un exemplo en termos de dignidade, como é, destacaría tamén no desenvolvemento exitoso das condicións de vida do seu pobo. Para converterse nun país potencia. Sen ningunha dúbida.

Mírame cunha certa tristeza na mirada e dime: “Ah, se os deixasen”. Contéstolle: “Non importa, porque de todos os xeitos nós venceremos”.

Comentarios