Opinión

O multilateralismo, única opción de paz e xustiza internacional

Estes días atrás lembrabamos a frase de Fidel: “Unha importante especie biolóxica está en perigo de desaparecer: a especie humana” Sempre me impactou esa frase porque Fidel non era un dirixente que falase por falar.

Pois o mundo en verdade non é un lugar tranquilo e seguro. Moitas son as contradicións entre nós e moitas as que temos coa natureza moi mal manexadas.

É alto o risco de que un día todo isto veña, ou se vaia vindo, abaixo.

É xustamente para evitalo, que na década dos corenta do século pasado, e raíz da terrible experiencia das dúas guerras mundiais case seguidas, naceu a Organización das Nacións Unidas. 

A constatación dos millóns e millóns de vítimas, con países, cidades e territorios arrasados, así como o lanzamento, mesmo, de dúas bombas nucleares, pareceron sinalar o perigo de que, a partir dese momento, calquera guerra podería ser portadora dun compoñente altamente inflamable que levase por diante á civilización humana. 

A Organización das Nacións Unidas xurdiu, pois, até chegar aos 193 países que hoxe a conforman, como a máis importante que se creou nunca e a máis universal de todas. É nese gran espazo de converxencia, cos seus defectos e limitacións, onde están practicamente representadas todas as xeografías e culturas na súa diversidade e complexidade. De maneira que só ese ámbito de unidade é quen ten a capacidade de construír a legalidade internacional na teoría e na práctica.

Os seus propósitos, principios e estruturas de funcionamento están recollidos na Carta das Nacións Unidas. Recomendo encarecidamente a súa lectura.

Que ninguén, porque algún día lle botou unha ollada, a dea por coñecida. Vaia e búsquea. Estúdea. E reflexione sobre o seu contido.

Verá entre os seus propósitos o de “fomentar entre as nacións relaciones de amizade baseadas no respecto ao principio da igualdade de dereitos e ao da libre determinación dos pobos, e tomar outros medidas adecuadas para fortalecer a paz universal” . E verá tamén entre os seus principios, aquel que nos di que “os membros da Organización, nas súas relacións internacionais, absteranse de recorrer á ameaza ou ao uso da forza contra a integridade territorial ou a independencia política de calquera Estado, ou en calquera outra forma incompatible cos Propósitos das Nacións Unidas”. 

Darase conta tamén de que en ningún lugar da carta se contempla a figura das medidas coercitivas unilaterais. Mais ben, pola contra, establécese que, en caso de “ameaza a paz, quebrantamento da paz ou acto de agresión” unicamente o Consello de Seguridade será quen poderá ditar e facer efectivas medidas coercitivas internacionais, incluíndo o máis extremas. Léase ben para que se entenda: unicamente o Consello de Seguridade poderá ditar as mal chamadas sancións, de tal maneira que nunca serán unilaterais, senón internacionais. Ninguén máis. Ningún país ou conxunto de países poderán impoñelas pola súa conta á marxe das Nacións Unidas.

Ter isto claro é extremadamente importante nestes tempos de posverdade, cando a ditadura hexemónica dos medios de comunicación occidentais, tratan de impoñernos, non a verdade dos feitos, senón a súa propia verdade que é a verdade do poder. E ocultarnos, por exemplo, que o bloqueo mantido polos EEUU a Cuba durante tantos anos non só é criminal, que o é en alto grao, senón absolutamente contrario ao dereito internacional. Como tamén que, por suposto, as medidas coercitivas unilaterais aplicadas polos EEUU contra Venezuela, así como contra outros países, e apoiadas en determinados casos pola Unión Europea, non son só criminais e crueis, senón tamén ilegais. Arbitrarias de toda arbitrariedade.  Atentatorias contra os dereitos humanos. E violadoras tanto dos propósitos como dos principios da Carta das Nacións Unidas. 

En defensa desa necesaria legalidade internacional e do multilateralismo como ferramenta para impulsar a paz, a igualdade e a xustiza no plano internacional, hai uns meses  constituíuse o Grupo de Países Amigos da Carta das Nacións Unidas, entre os que se atopan Angola, Alxeria, Bolivia, China, Cuba, Eritrea, Guinea Ecuatorial, Irán, Rusia e moitos outros. Tamén Venezuela.

Comentarios