Opinión

O lector ante un libro de Anxo Angueira

O lector que son eu mesmo. Confeso que, na etapa da miña mocidade, fun un singular e apaixonado lector de poesía, aberto a todos os xéneros e culturas, todos os formatos, todos os tempos, na medida das miñas posibilidades de exploración e encontro.

Pero sucedeu que, no medio do camiño da vida, diminuín radicalmente e con plena conciencia esa paixón, máis que nada, polo temor de ser influído. Tratando de manter unha navegación propia e un rumbo persoal a partir da miña íntima conexión co mundo, procurei afastarme das correntes e pechei a porta aos novos ventos. Non sei se me explico ben, e tampouco sei se arrepentirme daquilo por todo o que me perdín, pero a verdade é que, con tal exasperada teima, a poesía dos outros comezou a converterse nunha paisaxe un tanto esvaecida. Que cousa! Para poñer a mellor roupa posible de facedor, espinme de ser lector.

Pero o tempo pasou de novo. E fago agora esta introdución para dicir que hoxe, no presente real e cotián, coa idade avanzada e sen ningunha expectativa adicional na miña obra escrita, gozo xa con plena liberdade e sen ningún temor da poesía. Convértome en lector de novo apaixonado, cando caen nas miñas mans obras mestras como a deste último asombroso libro: Palmeiras, piueiros.  

Anxo Angueira logra sacudirnos, meternos nos temas, encandearnos ou facernos padecer, marabillarnos e ata ensinarnos e mergullarnos na memoria colectiva

Como queira que non son crítico literario, nin me corresponde esa tarefa, nin cabería neste breve artigo, non é o meu interese facer unha análise desa grande obra de madurez de Anxo Angueira.

Limitareime soamente a un par de observacións. Tómense como apuntamentos nas marxes.

A primeira é a admiración e o pracer que me produce a moi especial forma que ten Anxo para estruturar os seus poemas con mil imaxes que se suceden en fervenza. Imaxes que son ideas. E ideas que son representadas por nomes, situacións, obxectos, que se entrelazan e interactúan, creando a galaxia persoal que é cada poema, e que vira no universo do seu libro. Ou, por dicilo doutras maneiras, para que se me entenda mellor, cada poema vén sendo para o lector como un río crecido, desbordado, que leva todo o que atopa ao seu pas, e mestúrao nun só fluír. Ou como o soño nocturno onde as cousas máis dispares preséntanse, unha xunto á outra, convocadas por ese gran procesador misterioso que é a mente cando a conciencia está en repouso, para producir un único sentimento poderoso que che toca a alma durmida. Ou como o faiado onde un curioso observador, que atopa todo tipo de obxectos e materiais, ás veces cunha certa afinidade, ou con frecuencia aparentemente inconexos, logra relacionalos para narrar unha única e fermosa historia familiar. Non sei se me explico. Pero é así, como volo conto.

A segunda observación, que quero deixar aquí anotada, refírese á capacidade de emocionar que, no meu humilde criterio, é a tarefa fundamental da poesía, aínda que ás veces se perda ou se dilúa nas exploracións formais. Penso que Anxo Angueira, xunto a unha capacidade expresiva propia e diferenciada, logra sacudirnos, meternos nos temas, encandearnos ou facernos padecer, marabillarnos e ata ensinarnos e mergullarnos na memoria colectiva, sempre coa emoción como bandeira, sen renunciar a ela, porque tocar as fibras do sentimento máis profundo é o obxectivo, como queda devandito, da palabra poética. Cal se non?  E de veras que Anxo ten esa capacidade.

Por último, e xa entrando no tema dos afectos e vivencias que a min me dan a vida, quero agradecer o poema 'CHAVES', que eu xa coñecía e que mesmo traducín no seu momento para o meu blogue, e que agora reencontro entre as palmeiras e os piueiros.  Permítome tomar de alí os seguintes versos:

Como van e veñen e devalan sen fin / o teu río oceánico e o noso río da vida pequeniño. / Pero ti, meu comandante, pero ti… / Dicir a Deus que nos iluminan estrelas apagadas… / Espectro xeodésico que hoxe percorre América e o mundo, / infinita estrela que viva e morta ilumina e mata, a sístole e a diástole dos ríos que nos unen, / Presidente, soldado, camarada Hugo Chávez e Frías. / Aínda así ti vives, ti desafías a quen te traizoa e a quen te nega / porque contigo está o amor / o máis vello e fiel e firme / de tódolos soldados / de tódalas estrelas / e de tódolos deuses.

Comentarios