Opinión

A fermosura de Venezuela

Como é sabido, o almirante Colón, na súa cuarta viaxe, pasando a illa de Trinidad albisca unha costa á que denomina Terra de Gracia. Ao longo da narración que fai no seu diario insiste varias veces nese nome que lle puxo e vai describindo o que atopa: "Achei unhas terras, as máis fermosas do mundo…". "E na Terra de Gracia achei temperanza suavísima e as terras e as árbores moi verdes…".

Daquela percepción, feita por un estraño na súa primeira aproximación, ao tempo de hoxe, nada cambiou. Calquera visitante, sexa ou non amigable, terá sen dúbida que marabillarse ante a fermosura de Venezuela.

Non vou describir aquí algo que xa é dabondo coñecido. A beleza dun país que concentra unha prodixiosa mestura de situacións xeográficas e culturais. Que busca o viaxeiro? Quere impenetrables selvas profundas, elevados cumes de cadeas montañosas, tranquilos chairos sen límite á vista ou ríos poderosos como o pai Orinoco? Talvez illotes coralinos de transparentes augas ou asombrosas fervenzas de alturas impensables? Busca espectaculares cerros testemuña, aos que chamamos Tepui, que é unha voz indíxena? Ou prefire desertos que o transporten á soidade? Que nos diga o viaxeiro o que desexa, porque dentro das alternativas que o trópico poida ofrecer, Venezuela tenas todas e de tan alta calidade que se coloca fóra de competencia.

E se nos referimos á achega humana nas súas construcións. Que busca o viaxeiro? Quere arquitecturas cuxa orixe se perde miles de anos atrás como no caso dos shabonos yanomami ou as churuatas do pobo piaroa? Ou talvez quere sentir o respiro de antigas vilas coloniais? Que veña a Venezuela. Busca o encontro coas cidades do noso tempo? Aquí ofrecémoslle á bela Caracas na súa modernidade ou a Ciudad Guayana, por citar algunhas.

Pero todo iso é nada, ou pouca cousa fóra, se a paisaxe natural ou urbana non estivese protagonizada por ese novo "pequeno xénero humano" como definía Simón Bolívar o pobo venezolano na súa condición americana, e ao que Hugo Chávez autodescribía con certo orgullo dicindo que tras "ese amasar de séculos, o autóctono orixinal desta terra amasado co español, o europeo, o africano, aquí estamos nós: a mestura perfecta".

O pobo venezolano! Nas súas grandes maiorías traballadoras! Iso é o máis lindo que ten Venezuela, o centro da súa auténtica e máis humana fermosura, co seu espírito de resistencia e rebeldía cultivado por séculos, coa súa crenza profunda na igualdade e na liberdade, amalgamadas coa xustiza, co seu proxecto de dignidade colectiva do cal ninguén poderá apartalo, co seu antiimperialismo mamado desde o berce e, no medio de todo, coa súa alegría irredutible e sorprendente que sabe atopar sempre, a como dea lugar, o lado bo da vida, aínda no medio da batalla, sabendo que, en definitiva, todo chega ao mar e todo o que ha de ser, será.

Comentarios