Opinión

Dereita

Á dereita política correspóndelle, como tarefa que forma parte da súa natureza, o mantemento desa estrutura de clases, opoñéndose, a como dea lugar, a calquera cambio profundo.

Os intereses da dereita son os do capital. É dicir, os do capital feito poder. Un poder que, nunha sociedade de clases, actúa como tal desde a cima da estrutura social.

Para lograr manter a súa hexemonía absoluta, ou case absoluta, ese capital feito poder, deseña, desenvolve e termina impoñendo á maioría do pobo unha visión do mundo e un “sentido común” que o xustifican e defenden.

Como o logra? A través duns instrumentos de dominación que utiliza nun abanico de múltiples variacións, que van desde a ameaza directa ao adoutrinamento, ou desde a forza para lograr a submisión, ao coidadoso engano para o convencemento, por medio dun armazón institucional ao seu servizo que parecese estar establecido desde sempre. Todo un sistema articulado, atado e ben atado.

Como corpo de choque para a batalla electoral cando as circunstancias toman esa forma, entre eses instrumentos desenvolve a habilidade dun aparello político que lle serve de apoio. Ese aparello político é o que coñecemos como dereita, sexa cal sexa o seu rostro dependendo do tempo histórico. Rostro sempre cambiante e adaptativo que pode asumir tanto a imaxe de aceno autoritario en determinados momentos, como a do xesto cativador de quen non mata unha mosca cando se viste coa roupa democrática. Pois o importante en si mesmo para o poder, non é a forma adoptada para presentarse no escenario, senón o propio exercicio de dominación.

Á dereita política correspóndelle, pois, como tarefa que forma parte da súa natureza, o mantemento desa estrutura de clases, opoñéndose, a como dea lugar, a calquera cambio profundo que non sexa de maquillaxe.

A dereita política é, pois, un aparello ao servizo do capital e, por tanto, complementariamente, ao servizo de toda a colección de represións e opresións interactuando entre si que o capital xera para moverse máis a gusto. Entre elas a dominación de clase, sen dúbida, que é o seu asunto principal, pero tamén a opresión patriarcal, a dunha cultura sobre outras, ou a dunha nación sobre outras nacións.

De modo que esa é a ecuación onde a dereita nada mais é unha incógnita para quen non estudou ben a historia. A ecuación do poder do capital e os seus instrumentos de dominio, entre os cales a dereita política é o brazo actuante.

E que é a esquerda neses mesmos termos? Ou, por mellor dicilo, quen somos nós, organizados ao redor dunhas ideas liberadoras? Nin máis nin menos que a contrapartida. É dicir, somos esquerda que se opón á dereita política para darlle batalla, que, nas nosas condicións, preséntase como batalla política, batalla de ideas.

Xorde aquí outra pregunta na descrición do combate. Cal é o territorio onde a contenda se desenvolve? A resposta é sinxela: o campo da escena está conformado polas grandes maiorías, coas súas escalas e as súas diversidades, que son, xustamente, o que coñecemos como pobo.

Pobo servil ou pobo rebelde. Pobo que se deixou vencer ou convencer, ou pobo con vontade emancipadora. Pobo que se entregou ao destino que lle foi imposto ou pobo que cultiva o coñecemento para desenvolver a súa conciencia. Pobo adormentado ou pobo desvelado. Pobo que nin sabe de onde vén ou pobo que busca un camiño por onde orientar a súa marcha. E entre ambos os extremos do espectro, toda a gama de posicións intermedias posibles en ebulición constante. Pois tal é o caldo de cultivo de nosas propias contradicións. E tal é o escenario onde a batalla ten lugar.

A esa parte do pobo que, por algunha razón, ou máis ben desatino, se aliña co seu inimigo de clase, é dicir co capital feito poder, para apoialo e defendelo nunha posición “contra natura”, denominámoslle dereita social. Pero que, en bo entendemento, non constitúe propiamente a dereita en si, senón o seu territorio ocupado.

É por iso que a dereita social non é o noso adversario. Senón o noso territorio para recuperar. De tal maneira que para derrotar á dereita política e liberar o porvir, non hai que acurralar á dereita social, senón gañala para os nosos soños, sumala á nosa causa, convencela de que o futuro é unha terra sen amos. Para o que hai que contar con infinita paciencia, constancia, traballo e gran audacia.

Comentarios