Opinión

China para min

“Quixera ir a China / para orientarme un pouco”. Aqueles dous breves versos de Blas de Otero, escritos en clave poético-política, sentinos dalgunha maneira en carne propia.

Pois quen de nós, militantes de esquerda nos sesenta e setenta do século pasado, non estaba pendente dos grandes cambios que se producían entón naquel gran país, a República Popular China? Quen de nós, naquela época, non tivo entre as súas mans o Libro vermello do presidente Mao, ou as súas catro teses filosóficas, estudándoas, reflexionando sobre elas? E, por suposto, no meu caso, unha fermosa antoloxía dos seus poemas, publicada por Edicións en Linguas Estranxeiras de Pekin (hoxe Beijing).

Eu non era propiamente, e así quero aclaralo, o que se coñecía como un militante maoísta, pero si era, xa desde entón e sígoo sendo, un grande admirador daquela revolución con características tan propias.

De modo tal que cando tiven a oportunidade de viaxar á China en 1980 por case tres semanas, formando parte dunha delegación de catro persoas, encabezada por Alfredo Maneiro, sentín que ese desexo estaba a cumprirse a plenitude. Porque a viaxe, que respondía a unha invitación do Partido Comunista Chino, e que tiña un carácter exclusivamente político, era unha extraordinaria oportunidade para coñecer de preto a singular experiencia revolucionaria dun país tan interesante desde todos os puntos de vista.

Atravesamos China en coche, en tren e en avión, podendo percorrer campos e cidades, entre elas a capital Beijing, así como Hangzhou, Nanjing e Xangai. E o que vin e o que sentín naquel entón, debo dicir que me gañou para sempre.

Pasado o tempo, en 2006, volvín de novo a viaxar á China, como ministro do Poder Popular para a Cultura de Venezuela.

E o que agora percibín, aproximadamente un cuarto de século despois, foi unha China tan cambiada en certos aspectos materiais, que apenas era recoñecible, pero ao mesmo tempo, tan en sintonía consigo mesma, tan consciente de si e tan leal ao seu propio proxecto de emancipación humana, que non puiden menos que reafirmar e consolidar a miña admiración de sempre por ese pobo e pola súa revolución.

Dígoo así, sen que me quede nada por dentro. Creo que en moitísimos aspectos a República Popular China pode dar leccións a esta parte do mundo  autodenominada Occidente. E de feito, dállas.

Para empezar, porque logrou unha das proezas máis admirables e de maior transcendencia da historia humana. Talvez a máis grande. Sacar a máis de mil millóns de familias da pobreza e da fame en apenas oitenta anos. Que se di moi pronto. Pero porque ademais, ao mesmo tempo, converteuse nunha gran potencia política, cultural e económica, indispensable como referencia exemplar en calquera análise xeopolítica. E que o logrou sen atacar a ninguén.  Sen guerras coloniais nin de ningún tipo contra outras nacións. Sen inxerencias, sen tombar gobernos, respectando a soberanía dos pobos. Sen bases militares (os EEUU teñen 800 oitocentas repartidas por todo o mundo). Todo con base nunha consecuente diplomacia de paz. Con absoluto respecto á legalidade internacional.

Non quero dicir que non pasase por conflitos internos de certa magnitude, cando en determinados momentos estalaban as súas contradicións estruturais. Como no episodio histórico da chamada Revolución Cultural, pero que, en todo caso, pouco ten que ver, no seu alcance real, cos estalidos das contradicións do capitalismo europeo, onde, só en vidas perdidas contabilízanse dezasete millóns entre 1914 e 1918, e máis do dobre entre en 1939 e 1945. De maneira que de que estamos a falar?

Gústame China. Respéctoa profundamente. E admíroa.

Agora coa crise da pandemia, volveu dar un bo exemplo ao mundo. En eficacia, por unha banda, e en solidariedade  internacionalista pola outra. Non deixa de ser unha cuestión notable que os países cualificados como “réximes autoritarios” pola nesgada e manipuladora prensa empresarial fosen os máis xenerosos, os máis solidarios, o máis abertos a unha visión de humanidade. Entre eles o caso excepcional de Cuba e, por suposto, o da República Popular China.

Como venezolano, agradezo infinitamente o seu decidido apoio ao noso pobo contra as agresións imperiais dos EEUU e dos seus países subordinados.

Comentarios