Opinión

Calidade da democracia venezolana

Cando en 1999 o pobo venezolano se dota dunha nova constitución, faino co obxecto de “establecer unha sociedade democrática, participativa e protagónica, multiétnica e pluricultural nun Estado de xustiza, federal e descentralizado, que consolide os valores da liberdade, a independencia, a paz, a solidariedade, o ben común, a integridade territorial, a convivencia e o imperio da lei para esta e as futuras xeracións aseguren o dereito á vida, ao traballo, á cultura, á educación, á xustiza social e á igualdade sen discriminación nin subordinación; promova a cooperación pacífica entre as nacións e impulse e consolide a integración latinoamericana de acordo co principio de non intervención e autodeterminación dos pobos, a garantía universal e indivisible dos dereitos humanos, a democratización da sociedade internacional, o desarmamento nuclear, o equilibrio ecolóxico e os bens xurídicos ambientais como patrimonio común e irrenunciable da humanidade.” Así pode lerse no preámbulo da Constitución. Talvez alí, na substancia deses propósitos e na vontade de asumilos en serio, radica o denominado “problema venezolano”. Talvez o seu exemplo é o que desgusta á Europa que, subordinada ás políticas dos EEUU, tanto dano fai ao meu país. 

Cando nunha recente entrevista lle dixen a Tino Lago, da Nova Peneira, que Venezuela é máis democrática que calquera democracia Europea, non foi unha boutade, como algún eurocentrista puidese supoñer. O que alí dixen, reafírmoo aquí. A pesar dos seus problemas estruturais, Venezuela achégase moito máis, na súa realidade social e política e no desenvolvemento do seu proxecto histórico,  á definición de Lincoln sobre a democracia como “goberno do pobo, polo pobo e para o pobo”, que o conxunto dos países europeos. Outros son os parámetros desde logo que utiliza The Economist (órgano da oligarquía financeira segundo Marx, Wikipedia dixit, propiedade dos Rothschild), cando desde a súa óptica neoliberal se arroga o dereito de clasificar cada ano o grao de democracia dos países coa súa lista encabezada polas 23 democracias plenas ás que alguén aludía recentemente. Pola miña banda, non me interesa o que diga The Economist. Se tivese que establecer unha comparación sobre a calidade democrática das nacións, preferiría facelo seguindo a Lincoln, desde o punto de vista dos intereses dos pobos, que a fin e ao cabo suponse que son os protagonistas. Pero como iso escápase ás posibilidades de espazo destas notas, limitareime a lembrar algúns puntos sobre a democracia venezolana que, nin no formal nin no substantivo, ten nada que envexar ás europeas. 

En Venezuela hai total liberdade de asociación política e, por tanto, de partidos. Todos os cidadáns teñen dereito ao voto en eleccións periódicas, universais, libres e secretas. Só na actual V República houbo 25 convocatorias xerais das que ninguén foi excluído por ningunha razón (lembro que nos EEUU, por exemplo, os presos perden ese dereito). O sistema totalmente automatizado e sometido a auditorias moi esixentes foi cualificado por Jimmy Carter como dos máis avanzados do mundo, polo cal de feito logra ofrecer os resultados dúas ou tres horas despois de pechadas as mesas electorais, nun país cunha complexa diversidade xeográfica. O noso sistema non é parlamentario. A cidadanía elixe directamente o presidente sen intermediarios, nin componendas posibles ou manobras de salón. Por outra banda a Xefatura do Estado non vén establecida por razóns xenéticas (como en 10 países europeos), senón que é produto directo da vontade do pobo, o único soberano. En canto aos poderes do Estado, hai que sinalar que aos tres consabidos de Montesquieu, executivo, lexislativo e xudicial, Venezuela engade outros dous, a saber, o poder cidadán e o poder electoral. Todos independentes uns doutros. Polo menos en igual ou maior grao que en calquera país europeo.

En canto ao substantivo, que é do que se trata, que a democracia sexa “o goberno do pobo, polo pobo e para o pobo”, o feito real, como xa dixen, é que o tomamos en serio para procurar que os grandes fundamentos da nosa constitución se cumpran. Que non só a igualdade, o dereito ao traballo ou á xustiza social, por exemplo, estean establecidas nas leis, senón na vida real. Pero iso aos grandes poderes do capital, financeiros, mediáticos, industriais e militares que tentan dominar o mundo parece doerlles na alma. Nesa alma que non teñen.

Comentarios