Opinión

Andaina pola palabra en galego

Exercer o oficio de poeta, desde o amor á palabra e o compromiso coa literatura, non foi decisión miña, propiamente, senón que me foi dado pola vida. Quero dicir que ela púxoo ante os meus ollos, ofrecéndomo, e eu tomeino ao momento sen dubidalo.

A que si podo identificar como unha decisión tomada a conciencia foi a de escribir nun tempo os meus poemas en galego. E foi fundamentalmente unha decisión política. Pois nun momento dado comprendín que, desde a literatura, podía fabricar “armas cargadas de futuro se o facía na “lingua proletaria do meu pobo”. Seguramente tal idea xurdiu no meu ánimo pola relación con Celso Emilio Ferreiro que chegara a Caracas naqueles anos sesenta. O feito é que pensei que se o facía así, podería contribuír dalgún modo, aínda que fóra no plano do simbólico, á loita contra a ditadura na Galiza, reivindicando a súa lingua e a súa cultura.

Tiven que superar dificultades con axuda de dicionarios porque eu apenas falaba o noso idioma. E moito menos emigrando a Venezuela. Dese xeito, o esforzo por escribir, que é sempre duro en si mesmo, comezou a facerse máis complexo e, dalgunha maneira, máis tenso, polas miñas propias torpezas cunha lingua que se supoñía debese dominar. Pero seguín adiante.

Así en 1967, imprimín en multígrafo o meu primeiro libro Dá Estrela e Dá Fouce, nunha edición humilde, de 200 exemplares. Había unha maquiniña desas, que se manexaba a man mecanicamente, no departamento de Cultura da Irmandade Galega dirixido por Celso Emilio. Acórdome do día en que o imprimimos, el dándolle á manivela con aquel entusiasmo coma se fose un libro seu. Foi moi xeneroso comigo, ao involucrarse na impresión do libro, ademais de escribirme o limiar. Tamén me aconsellou envialo a algunhas persoas das cales me deu a dirección. Foi dese xeito que aquel libro chegoulle a Méndez Ferrín, a Carvalho Calero, a Neira Vilas, a Xesús Alonso Montero, a Manuel María, a Francisco del Riego, a Ramón Chao, por citar algúns daqueles destinatarios que veñen á miña memoria, moitos dos cales me contestaron.

E así seguiría despois con outras autoedicións de 100 exemplares, distribuídos do mesmo xeito. En 1971 Por unha Muller. En 1973 UPGPoemas e logo Porta Aberta en 1975. De Arte poética, Poema de Amor a Rosalía, editei só 10 exemplares para os amigos en 1984.

Todas foran autopublicacións ata que en 1988 Sotelo Branco editou Isolda na súa colección Arealonga con prólogo de Basilio Losada. E bastante despois, xa en 2010, Miguel Anxo Fernán Bello tivo a ben publicarme en Espiral Maior, todos eses libros xunto a outros poemarios inéditos, recollidos baixo o titulo Pequenos encontros, as marcas deixadas, nunha edición de Yolanda Castaño, con limiar de Xosé Luís Méndez Ferrín.

Toda esta crónica persoal da miña andaina pola palabra en galego ven ao caso, porque agora súmanse dous libros máis á lista, aínda que non son de poesía senón que tratan sobre a Revolución Bolivariana a partir da miña relación con Hugo Chávez. Teñen o mesmo concepto semi artesanal da autoedición porque, aproveitando o confinamento, concibín os libros, deille organización a textos meus preexistentes, traducinos, completeinos, púxenos en limpo, e fixen o deseño e maquetación. Todo traballado precariamente con programas moi elementais. Polo cal supoño que deben estar infestados de erros de linguaxe e de tipeo, a falta dunha corrección profesional experta.

Un deles, seguramente o máis reflexivo, titúlase Ser de esquerda despois de Chávez. E o outro, máis ben testemuñal, leva por título Chávez, de quen dou fe.

A idea de facelos xurdiu en conversacións con Ana Mosquera e Xosé Carlos Abal, queridos camaradas que, a través da Agrupación Xosé Velo-A Nosa América, buscan contrarrestar a desinformación sobre Venezuela e América Latina. É xustamente baixo o selo desta Agrupación que saen á luz estes dous libros en dixital. Colocados na súa páxina web, poden ser descargados gratuitamente en PDF a través do link https://agrupacionxosevelo.gal/arquivos/1921

Contando coa vosa benevolencia, convídovos a lelos.

Comentarios