Opinión

Explíquese, señor Feijóo

Entre as persoas que practican o alpinismo sábese moi ben que non é máis difícil o ascenso ao Everest que a baixada do Annapurna. Na Mariña está a ocorrernos algo semellante. Facer o confinamento foi como subir o Everest. Pero baixar o Annapurna... aí si que nos está a custar. Tópicos fóra! Non creo que o noso comportamento cívico fose nin máis nin menos correcto que o doutras comarcas ou áreas sanitarias. Mocidade un pouco desenfreada que non gardou a distancia física de seguridade seguro que a houbo. Pero xente maior e ambientes familiares nos que tampouco se puido evitar a emoción e coroar cun bico ou un abrazo o reencontro, tamén. Devezo por tomar algo nas terrazas dos nosos bares ou restaurantes e sobre a marcha non ser quen de manter a distancia, igualmente.

Buscar chibos expiatorios centrando a atención nun colectivo social determinado para desviar a atención do foco orixinario é mesquiño e covarde. E as autoridades sanitarias, as mesmas que capitaneaba o señor Feijóo cada vez que ofrecía roldas de prensa para gabarse do ben que ía todo, pecaron de covardía cando, tras falar inicialmente de evento familiar, pasaron a desviar a atención cara á mocidade en xeral, e despois referíronse a “uns bares”, permitindo con iso que os responsábeis políticos desta situación puideran manexar electoralmente o tempo político que estamos a vivir. Por certo, posteriormente tamén dubidaron do dos “bares”, poñendo en cuestión afirmacións do propio presidente da Xunta.

Está claro que o señor Feijóo eludiu a súa responsabilidade minimizando o problema e botando culpas a quen mellor se prestara para desviar a atención. Cando apareceu o primeiro problema grave relacionado coa crise da Covid-19 declarou o escurantismo informativo e procedeu a modular a información para aparentar o control da situación. Pero o crecemento de casos, ao longo destes quince días, foi exponencial: 8, 11, 27, 47, 59, 85, 119, 143... especialmente nos últimos sete. Pero é máis doado agrupalos doutra maneira para dar a impresión de que van baixando. Quedou ben clara a falta de transparencia informativa por parte da Xunta nesta crise. E a falta de rigor dispoñendo unha corentena, inédita!, de 5 días.

Tal e como aconteceu cos famosos “hilillos de plastilina”, a verdade acaba saíndo á luz. Non era nada. É pouca cousa. Volta atrás e peche da comarca mariñá. No canto de asumir o papel que lle corresponde á Xunta, esta dedícase a chamar a atención aos alcaldes (á alcaldesa de Barreiros nin a convocou; á de Mondoñedo xa lle mandaría recado vía grupo interno de Whatsapp) e lembrarlles o que teñen que facer para cortar este rebrote. E quen lle di ao señor Feijóo o que ten que facer? O conselleiro de Sanidade andou por aí agochado mentres delegaba toda responsabilidade no xerente da área sanitaria de Lugo. Pero non lle quedou máis remedio que saír a dar a cara para anunciar o peche da comarca da Mariña. Cando terá que saír a dar explicacións o señor Feijóo? Cando coñeceremos o protocolo de actuación que debería ter preparado a Xunta para abordar esta situación?

Comentarios