Opinión

Na misa e repicando

Di o profesor e historiador Xosé Álvarez Castro que unha das grandes prioridades que temos que ter as persoas e colectivos que traballamos en prol da memoria das vítimas do franquismo é a de facer pedagoxía, a de explicar unha e outra vez o que supuxo o golpe de Estado do 36 non só para quen habitou o noso pasado, senón para quen habitamos o presente. Na súa bonhomía, está convencido de que se somos minoría na teima, non é porque o resto da xente comparta a ideoloxía franquista, senón porque a descoñece.

E, como me pasa sempre, eu creo que Pepe ten razón: só desde ese descoñecemento xeneralizado pode explicarse que non provoque un escándalo maiúsculo que dúas institucións presididas polo PSOE destinen cartos públicos á colocación na capela do monte da Guía dunha escultura xigante do Sagrado Corazón, imaxe utilizada historicamente, e nomeadamente durante o franquismo, como símbolo do combate da relixión fronte as ideas, como estandarte da persecución daquelas persoas, moitas delas socialistas, que avogaban por unha sociedade onde o liderado da Igrexa fose substituído polo liderado do pensamento libre, da cultura e do ensino. 

O proxecto franquista, símbolo do catolicismo máis integrista, vaise realizar no séc. XXI

Como explica Baissoti1, xa o carlismo adoptou o SCX como bandeira no século XIX, cando a ala autodenominada “integrista” resumía o seu programa político na consecución “do reinado social de Cristo-Rey”. En 1919, Alfonso XIII equiparará ese reinado á monarquía absoluta e consagrará España ao Sagrado Corazón. Catro anos despois, unha Igrexa turbada por unha Constitución que avogaba pola liberdade de cultos, a abolición da relixión nas aulas e en definitiva, a separación da curia dos asuntos do Estado, inaugurará en Valladolid un monumento xigante na súa honra que, o 28 de xullo de 1936, en plena guerra civil, vai sufrir un simulacro de fusilamento. Iso fai que o SCX quede definitivamente fixado como símbolo da loita contra o bando republicano. Ondeará nas bandeiras dos Requetés e moitos combatentes franquistas levarano bordado no uniforme xunto á verba “detente”. O SCX protexerá aos golpistas, bendicidos pola Igrexa, contra os “ateos republicanos”. É o primeiro soldado franquista, o azote dos rojos e, na súa honra, Gómez Román deseñará en 1951 unha faraónica obra para Vigo que non chegará a culminarse polo seu alto custo.

Ata hoxe. O proxecto franquista, ese símbolo do catolicismo máis integrista, vaise realizar en pleno século XXI grazas a un investimento de 100.000 euros de dúas institucións gobernadas polos socialistas: Deputación e Concello. Asemblea Republicana de Vigo, Memoria do 36 e Iniciativa Galega pola Memoria veñen de denunciar a ignominia que a obra supón para as familias das vítimas desa batalla que o dogma emprendeu contra os avances sociais, pero son totalmente ignorados por ambos gobernos e polos medios de comunicación que, porén, si dan cobertura aos laios da familia Franco a raíz da sentenza de Meirás ou loan a Abel Caballero por investir nunha faraónica escultura relixiosa os cartos dunha sociedade que, desde o absoluto respecto ás crenzas de cadaquén, defende maioritariamente valores democráticos e de liberdades, contrarios ao que esa imaxe simboliza. 

A imaxe da Guía supón deshonrar a lembranza das vítimas

A imaxe da Guía supón deshonrar, unha vez máis, a lembranza de vítimas como José Comesaña, pai de Telmo Comesaña, o presidente do colectivo vigués Memoria do 36, que foi asasinado pola súa militancia no PSOE. Que pretenda facela o mesmo partido que se gaba desde o Goberno central dos avances lexislativos en materia de memoria, ou que nunha Deputación cogobernada polo BNG conta cun departamento de Memoria Histórica para defender as máximas de verdade, xustiza e reparación auspiciadas polas Nacións Unidas, é como estar na misa e repicando, e non se pode. Hai que ficar fóra, tocando a campá da dignidade con Telmo.

1. Baisotti, P: El sagrado corazón de la guerra civil española y de la “paz franquista”. Revista estudios interculturales, 2015. (www.academia.eu)

Comentarios