Opinión

Afastádevos dos homes, só queren facervos dano

A LOMCE camiña xorda, soberbia, arrogante, subida aos seus coturnos de traxedia antiga observando elevada ao coro de voces discordantes, que non se renden ante a aniquilación do público, do plurinacional e plurilingüístico. Día a día avanza esta marea que afoga as linguas propias, que mercantiliza o ensino, que o converte nun ranking de resultados, que segrega por sexos, que insiste en marcar a confesionalidade dun ensino aconfesional... e así unha longa restra de retrocesos que moitos profesionais teñen denunciado.

A LOMCE camiña xorda, soberbia, arrogante, subida aos seus coturnos de traxedia antiga observando elevada ao coro de voces discordantes, que non se renden ante a aniquilación do público, do plurinacional e plurilingüístico. Día a día avanza esta marea que afoga as linguas propias, que mercantiliza o ensino, que o converte nun ranking de resultados, que segrega por sexos, que insiste en marcar a confesionalidade dun ensino aconfesional... e así unha longa restra de retrocesos que moitos profesionais teñen denunciado.

Eu non son pedagoga, nin docente, pero estudei nun centro segregado ata os catorce anos, e se hai algo que teño claro é que a escola ademais de ensinar, socializa; e que facelo de xeito segregado non é ciencia, senón prexuízo.

"Estudei nun centro segregado ata os catorce anos, e se hai algo que teño claro é que a escola ademais de ensinar, socializa; e que facelo de xeito segregado non é ciencia, senón prexuízo"

Lembro un estudo da revista científica 'Science'  titulado “A pseudociencia da escolarización por sexos”(American Association for the Advancement of Science: Asociación Estadounidense para o Avance da Ciencia) que amosou que a separación de nenos e nenas, alimentaba os estereotipos e afianzaba o sexismo. Os resultados doutros moitos profesionais da pedagoxía ratificaban estas conclusións engadindo que nestes ambientes educativos, reforzábanse intencionadamente aqueles aspectos máis marcados en nenos e nenas, e confirmábase que o comportamento deles empeoraba substancialmente ao segregalos.

Fronte ao contexto norteamericano, no que hai centros públicos que separan por sexos, no noso entorno a segregación ademais está vinculada á doutrina católica, que é a que prioritariamente a reclama, argumentando que nenos e nenas están destinados a ocupar posicións e funcións diferentes na sociedade e na familia. Isto lémbrame aos modelos de muller submisa e da súa casa que nos trasladaban en materias como “Mis labores”, onde bordar, facer manteis, calcetar e darlle á agulla era tan prioritario como a historia ou as ciencias.

Non hai por tanto, ningunha evidencia científica que constate que a segregación por sexos mellora os resultados académicos, porque tampouco é certo que nenos e nenas aprendan de xeito diferente. Pola contra, as maiores distancias e dificultades danse entre distintas clases sociais e razas, non entre xéneros.

"Debemos lembrarlle aos cruzados desta lei, que a soberbia mal entendida e levada á ditadura das maiorías máis fascistizadas, só nos embarrará nunha escola propia da súa anhelada ditadura"

A escola mixta é o xeito natural de socialización, representa a forma normal de convivir na sociedade, debemos loitar por ela e combater axiomas cos que habitualmente traballaban as relixiosas na procura de minar mentes e comportamentos futuros: “afastádevos dos homes, só queren facervos dano”, que repetido de maneira constante e sen que ninguén dubidase daquela afirmación, convertíase no primeiro muro á hora de normalizar relacións e impregnaba aos homes dun aura de sospeita.

E nese camiño iniciático no que está inmersa a LOMCE contra todos e contra todo, debemos lembrarlle aos cruzados desta lei, que a soberbia mal entendida e levada á ditadura das maiorías máis fascistizadas, só nos embarrará nunha escola propia da súa anhelada ditadura, pero o catolicismo non predica que a soberbia é un pecado capital?

Comentarios