Opinión

Os camiños das palabras

O sábado 7 fun ao roteiro de Olga Novo, organizado por Carlos Rodríguez, a quen tantas camiñadas literarias lle debemos as profes galegas.

Despois de agasallarnos a autora e a súa familia cun convite para andar mellor os camiños, fixemos un percorrido polos seus espazos vitais en Vilarmao, Castroncelos e Vilachá.

Foi unha xornada para o recordo, como moitas outras feitas na compaña de escritores da terra e dunha afouta manda de compañeiras e compañeiros que entenden os sábados como unha insólita mestura de lecer e aprendizaxe colectiva.

Sen ser a máis regular na asistencia, xa levo gardadas na memoria decenas desas peregrinaxes lectoras, dende o 2016, ano das letras Manuel María, no que andamos tras a pegada dos seus versos por Outeiro de Rei, o Carballiño, Monforte, Pantón, o Val de Quiroga...

Todos eses lugares foron xerme de poemas do chairego por lazos afectivos, pero detéñome na contorna quiroguesa, á que daquela estaba vencellada laboralmente -agora estouno por experiencia vital e amizade con Maribel Goñi e Xosé Estévez, a quen o Manuel de Hortas dedicou os Sonetos ao Val de Quiroga

Ese ano reeditouse o poemario con ilustracións do alumnado da comarca; foi o xeito que artellamos para facelos partícipes daquela aventura poética, como o fora Xosé Teixelo, Pin, na edición orixinal.

Ao fío diso, xurdiu o proxecto de percorrer o val seguindo as referencias que inspiraran eses fermosos sonetos. E fixémolo, profesorado, rapazas e rapaces, grazas á inxente tarefa de Ramón Vila e Carlos, e á estreita colaboración de inesquecibles compañeiras (Meli, Sabela, Bea).

Isto é só un exemplo de tantas andainas nadas do lévedo dun libro ou de toda unha traxectoria na escrita; da lectura das obras xorden os traxectos por cidades e vilas, praias e castros, estradas e corredoiras de terra -ás veces, mesmo leiras e agras-, sempre a seguir o ronsel das nosas letras. E á lectura son devoltos in situ os fragmentos escolleitos, pechando así o círculo máxico que xungue literatura e vida.

Somos un pobo con múltiples camiños de estrelas (aínda que a maioría só fale dun, e máis en apócrifos anos xacobeos), e temos que reivindicalos todos, cos seus diversos luceiros (naturais, patrimoniais, literarios, científicos). E, por suposto, visitalos, un a un, como dicía Manuel María en 'Aínda teño a esperanza', poema que segue a percorrer as parroquias, lugares e casais de Galiza da man de Xurxo Souto. 

A pandemia fanou os roteiros literarios; retomámolos como festa da palabra e da convivencia docente en setembro de 2021, no Vigo de Xela Arias, onde o nome do autor chairego pairou pola relación de amizade das dúas familias (a mesma que levou á nai e ao fillo da viguesa a recoller a navalla de Manuel María uns días antes na Santa Isabel de Outeiro de Rei).

Pois ben, volvendo a Vilarmao, ante a mazaira -maciñeira na chaira- onde Olga fotografou a seu pai despois dunha xeira de traballo, a poeta da Pobra de Brollón recitou dende a tenra fondura onde gardamos a quen fica en nós para sempre, 'Totem'. Recollida no seu poemario Feliz Idade (Premio Nacional de Poesía 2020), esta composición na que se dirixe ao seu proxenitor, ben merece ser lida na súa totalidade, porén aquí fique limitada a estas poucas verbas: 

Estabas alí      na chá 
arando terrós do común cun aradiño de pau 

Foi unha vertixe emocional recoñecer a voz do Manuel entretecida coa da que foi compañeira miña de estudos. Oír estas verbas é rebordar recordos ao son de Fuxan os Ventos, que mas puxo á carón da orella de cativa. Penso que quizais lle chegaron a ela eses versos do mesmo xeito revirado ca min -na versión musical e non no libro-, e pregúntome canta outra rapazada os terá escoitado nas casetes dos coches de finais dos setenta (e dos 80), cando por fin as familias galegas tiveron música nese formato na súa fala.

As nosas -a diferenza doutras- decidiron deixárnola como un herdo máis ás que comezabamos a angueira de estarricar as primeiras pólas na lingua coa que nos embicaron.

Os camiños das palabras, sempre inescrutables. 

Comentarios