Opinión

Lembrámonos das persoas maiores soas?

Non enchen portadas. Pero as persoas maiores soas foron nesta pandemia vítimas silenciosas do confinamento. Moitos destes galegos e galegas estarían con probabilidade completamente illadas se non fose polo importante e habitualmente mal pagado labor das traballadoras dos servizos de axuda a domicilio.

En Galicia segundo os datos do Instituto Galego de Estatística 51,14% dos fogares compostos por maiores de 65 anos son fogares unipersoais. É dicir, atendendo a estes datos, máis da metade dos maiores viven sós no noso país. Non obstante, unha empresa consultora que acaba de facer público un mapa da soidade, cifra o volume de persoas maiores soas en 79% dos fogares galegos compostos por maiores de 65 anos.

Na pasada Lexislatura o Parlamento de Galicia aprobou ata en dúas ocasións unha iniciativa instando a Xunta de Galicia a cuantificar de forma fidedigna estes datos e elaborar un plan para abordar a situación destas persoas. Non obstante, a día de hoxe nada se sabe do compromiso anunciado pola Consellería de Políticas Sociais.

Resulta obvio que moitas destas persoas poden ser perfectamente autónomas e levar unha vida independente, no entanto, os datos dependencia da nosa comunidade mostran un panorama moi preocupante. Segundo o Instituto Galego de Estatística ao redor de 27,3% das persoas maiores de 65 anos padecen algún grao de dependencia.

Ademais esta situación vese agravada pola pobreza estrutural que padecen as persoas maiores no noso país en termos xerais e as persoas que viven soas en particular.

Imos aos datos. O groso dos ingresos dos maiores de 65 anos (59,5% en Galicia) sitúase por debaixo dos 1.500 euros, percibindo menos de 1.000 euros ao mes un 34,53%. De feito, a franxa de ingresos máis numerosa no noso país para as persoas maiores atópase entre os 600 e os 1.000 euros mensuais. É dicir, cifras desde iguais ata moi por debaixo do salario mínimo interprofesional.

Con estes datos non é de estrañar que os fogares en Galicia nos que todos os membros superan os 65 anos padezan un 14,12% de risco de pobreza. Unha situación que loxicamente empeora nos fogares unipersoais de maiores, xa que habitualmente cun único ingreso proveniente da súa pensión deben facer fronte a todos os gastos.

Aquí cómpre detérmonos na fenda de xénero xa que non só en xeral son máis pobres aqueles e aquelas que viven sós superado o limiar dos 65, se non que as mulleres maiores teñen significativamente moito máis risco. Así, o risco de pobreza para os homes maiores que viven sós é de 15,9%, fronte ao risco de 20,4% nas mulleres maiores que viven soas.

Máis alá da pandemia, cun país que continúa envellecendo, estes datos deberían facernos reflexionar sobre a necesidade obxectiva de cubrir con servizos públicos os dereitos de atención das nosas maiores logo de toda unha vida de traballo.

A Consellería de Políticas Sociais debe abandonar os anuncios baleiros. A dignidade na vellez precisa de recursos públicos. E precísaos xa.

Comentarios