Opinión

Sanidade pública: dos aplausos aos recursos

Este 25 de Maio entramos en fase 2 coa apertura de praias, piscinas e a ampliación do aforo nas xuntanzas e nalgúns negocios. A pesar da incerteza sobre a continuidade do Estado de Alarma, sexa como for, probablemente nunhas semanas estaremos falando de cuasi normalidade nas actividades diarias.

Durante máis de dous meses de pandemia, os balcóns e fiestras enchéronse de aplausos para as sanitarias e sanitarios, lembrando o esforzo persoal ao que estaban sometidas estas profesionais. Sen embargo, durante esas mesmas semanas, o persoal sanitario sufriu en Galicia ausencia de recursos materiais, improvisación e mentiras.

A administración autonómica tratou ao persoal sanitario como o leva facendo os últimos anos: abusando da seu compromiso, da súa profesionalidade e evitando poñer o foco na descapitalización que a sanidade pública leva padecendo máis dunha década.

A pesar da problemática do virus, as contratacións precarias continuaron durante toda a pandemia. Movendo ao persoal dun servizo a outro, algo contraproducente se quixeramos previr a expansión da infección e evitar os contaxios no medio sanitario.

A Xunta segue facendo como se as folgas do persoal sanitario no pasado ano non existisen. Como se a atención primaria non tivese protagonizado protestas durante meses, como se as urxencias do CHUS non tiveran denunciado mortes no servizo, como se o persoal dos PAC non tivera sostido unha protesta titánica durante máis dun ano, como se as enfermeiras e enfermeiros non tivesen tinguido de negro Silleda ou como se a mobilización de todo un pobo non se houbese estendido fai uns meses de Verín a toda Galicia.

A Xunta segue facendo coma se o Consello de Contas non levase anos denunciando o incremento da temporalidade no SERGAS e a redución de recursos. No último exercicio o organismo advertía da perda de 582 titulares de praza só nun ano e do incremento dun 3,3% do persoal eventual. Unha fuga que se produce ano a ano e que pingueira a pingueira levounos a ter soamente a un 62,8% do persoal con praza en propiedade.

Rematar coa precariedade é unha obriga. E neste marco da pandemia do coronavirus non só debemos facelo polo dereito do persoal sanitario a ter unha vida minimamente organizada, con posibilidades de conciliar e con estabilidade. Non só pola necesidade política de defender o futuro da sanidade pública. Neste marco da infección do coronavirus rematar coa precariedade, fortalecer o sistema e reverter os recortes é tamén unha medida de prevención sanitaria.

Non podemos volver enfrontar un novo brote sen ter planificado un novo orzamento sanitario que mire polo incremento de recursos, que mellore a situación paupérrima da atención primaria, que estabilice ao persoal para evitar a incerteza e que aposte pola investigación e a promoción da saúde.

En xullo o Partido Popular convocou unhas eleccións autonómicas sen ter planificado a seguridade en materia de prevención de todas as persoas que participarán do proceso. Pero o peor é que convocou unhas eleccións esquecendo que o prioritario agora debera ser estar a preparar o sistema sanitario para os meses que veñen, para non repetir o que foi a xestión de esta crise no SERGAS.

O día 12 de xullo as galegas e galegos serán libres de decidir a quen emiten o seu voto. Agardemos que o fagan coa memoria posta no sufrimento evitable dunha parte importante do persoal sanitario. Para que poidamos mudar este devalo, para que o novo Goberno pase dos aplausos aos recursos.

Comentarios