Opinión

Politización do fútbol? Futbolización da política

O fútbol sempre estivo politizado. Por unha banda, ás afeccións dos equipos adóitanselles asignar, con carácter xeral, unha certa ideoloxía. Deste xeito, os Celtarras son nacionalistas de esquerdas. As brigadas branquiazuis do Espanyol, de extrema dereita. Os Bukaneros do Rayo Vallecano, de extrema esquerda e antisistema. O Fronte Atlético de extrema dereita… Ata os estadios deixan reservados palcos para autoridades, que en boa parte son políticos.

Isto non é de agora, a politización do fútbol vén de lonxe, e xa non chama a nosa atención, nin nos preocupa demasiado nin nos sorprende.

O que si é novo é que sexa a política a que se “futboliza”, á vez que preocupante. A política estase futbolizando porque ao igual que ocorre no fútbol, semella que ser dun equipo automaticamente convértete en inimigo doutro rival; poñamos por caso un afeccionado do Celta, que parece que intrinsecamente leva escrito “antideportivista” ou que un do Dépor é “anticeltarra”. A cor, o bando, éme indiferente. O que nos debe preocupar é o fenómeno. Agora, semella que ser de esquerdas te converte de xeito automático en “inimigo extremo e radical da dereita”, e viceversa.

Atopámonos perante unha polarización social que non queda sao na rúa, ou nesas discusións de bar; nas que máis ca dar argumentos o que se expón é o “sentimento patriótico” e o “amor ao país”, ou o odio ao mesmo.

O Congreso convértese nas bancadas onde os ultras (deputados) buscan destacar entre berros e a maior dureza das acusacións

Pero se, coma no fútbol, todo quedase na discusión de rúa, de bar ou de ascensor, non sería preocupante. O problema reside, ao meu parecer, en que a discusión de bar ou de bancada de estadio, estase a levar co mesmo ton e capacidade de argumentación aos órganos de gobernabilidade e representatividade cidadá, é dicir, ao Congreso e ao Senado.

Efectivamente, é alí onde se está a “discutir de fútbol”. Apélase ao corazón, deféndense os “argumentos” (se así poden denominarse) coma se radicais en pleno estadio se tratase. Ter unhas ou outras cores fai, automática e inmediatamente en detractor e eterno inimigo da cor contraria.

Enténdese a política coma un partido de fútbol, no cal que gañe un equipo implica obrigatoriamente que perda o outro. Esquecémonos que o país non é a bola coa que xogar, á que dar patadas para o beneficio propio sen importar a maneira de golpear a bóla, nin o efecto que colla, nin se se perde polo fondo do estadio.

Os políticos xa non son políticos, senón líderes a quen os seus votantes escollen atendendo á capacidade que, pensamos, poden ter para vencer ao contrario, de levar a copa á casa.

O problema reside entón en que se os partidos políticos son equipos de fútbol, os líderes políticos son eses dianteiros aos que adorar. O Congreso convértese nas bancadas onde os ultras (deputados) buscan destacar entre berros e a maior dureza das acusacións. Ante isto, non será pois a sociedade o balón que sempre se trata de patear con tal de gañar?

A política é ciencia. A ciencia debe ser exercida por persoas preparadas, especializadas nela. Os políticos son os científicos nos que deberiamos confiar para a gobernabilidade, para facer política, ao igual que confiamos nos médicos para a cura dunha enfermidade letal. Do mesmo xeito que non sabemos o suficiente para nos auto-operar, tampouco somos quen de nos autogobernar. O que si está nas nosas mans é saber escoller ao profesional capaz de facelo. Eu creo que a democracia consiste en saber elixir a alguén que si poida ter a capacidade suficiente para facelo. Non intento ser política, ao igual que os políticos non deberían intentar ser radicais dun equipo de fútbol. O problema é a confusión de conceptos, de lugares, de responsabilidades e de valores que, en moitas ocasións, parecen totalmente desaparecidos entre os polos nos que se atopa dividida a sociedade.

Quizabes é o tempo de apostar pola tecnocracia e non tanto pola teocracia na que cadaquén deposita a súa fe nunha figura particular á que adorar cando saen a berrar no palco do Congreso, mentres o resto do tempo se alimentan de odio das masas. Non é o tempo de comportarnos como unha afección. Para ver fútbol, mellor Balaídos ou Riazor.

Comentarios