Opinión

Coronavirus, o síntoma dunha epidemia xa contaxiada

Quizabes, se facemos un exercicio de introspección, descubramos que estamos socialmente infectados e xa nun alto avance dunha enfermidade mundial: a do engano.

Probabelmente estes días todo o que leve un “virus” pensamos automaticamente en poñerlle a “corona” por diante. Os artigos sobre el enchen os periódicos, abren telexornais, son motivo de chistes malos, tendencias no Twitter e mesmo asuntos de correos de empresa.

Xa hai unhas semanas prometinme que non ía caer en ser outra voz máis que falara do coronavirus, nin con máscara nin sen ela. Que non ía falar de tal enfermidade xa que eu; como estudante nunca destacada en ciencias e escasamente entendida en Medicina, non son quen para facelo. Un auténtico insulto para os médicos se eu dese aquí leccións sobre enfermidades, virus e medidas de protección sanitarias. Por iso, e porque o tema xa está máis que tratado (ata o punto de que, na miña opinión, está tan tratado que remata maltratándonos).

Pero si, vou falar do coronavirus. E vouno facer porque non o vou tratar coma unha enfermidade, senón porque á vista do que acontece e se espalla nos últimos días, o coronavirus está deixando de ser (polo menos nas nosas mentes) unha enfermidade: é un síntoma.

O dunha epidemia xa contaxiada moito antes de que calquera de nós soubera onde queda Wuham, que na cultura chinesa se consome carne de morcego e que se pode construír un hospital en 10 días. Quizabes máis pandémico ca o da “coroa” o virus que temos é o cinismo. Que enche e está a matar a sociedade, polo menos no que á actitude crítica e á capacidade intelectual e moral se refire.

A enfermidade é maior, con síntomas máis agresivos porque levámolos padecendo tanto tempo que, ou ben non queremos recoñecelos, ou ben aceptámolos como normais.

Cinismo. Enchémonos a boca falando sobre o que non temos a máis remota idea. Efectivamente é probábel que precisemos máscaras, pero para tratar de non cuspírmonos tantas mentiras a nós mesmos.

Non nos preocupou comprar na China ata agora, aínda que sabemos das condicións laborais que sofren os nenos para fabricar camisetas e pantalóns mentres a fábrica galega de teas pecha. Preocúpanos que os allos veñan da China agora, e logo preguntámonos por que os nosos agricultores non poden facer fronte ós prezos do mercado. Mirámoslle a febre á xente que estivo nun país ou noutro, e non a quen minte día tras día a toda unha sociedade sentado con título de Deputado.

Un virus que perfectamente a sociedade pode estar manifestándoo a modo de síntoma coa histeria do coronavirus.

O coronavirus foi a causa xa, antes de finalizar este febreiro, de preto de 3.000 mortos a nivel mundial. Asústanos que chegue aquí, estou segura que calquera de nós, se sabe que se atopa a alguén na rúa que estivo en Wuham, cruza ó outro lado. Mais atopámonos cun neonazi e algo de respecto igual nos dá, pero cruzar non; aínda que o que el defende causara máis de 70 millóns de mortos.

Un cinismo que se manifesta non só nesa dobre moral que ningunha de nós queremos admitir que temos, pero que demostramos dende o momento que mercamos unha botelliña reutilizábel para levar á biblioteca; pero os sábados, ó saír, mercamos litronas de plástico, ou mellor dúas por se as perdemos. Diríavos onde rematan os vasos, pero neses intres a ninguén lle importa.

O mesmo ocorre agora, cando decidimos non mercar produtos chineses por medo ó coronavirus. Pero non nos asusta que estean feitos por nenos da idade dos nosos irmáns, dos nosos fillos… Para iso, a China queda o suficientemente lonxe como para non velo. A máscara invisíbel é tremenda cando agochamos no noso propio cinismo a explotación infantil.

A Bolsa só cae co coronavirus e nós só poñemos o grito no ceo por el. Só nos preocupamos de que nos cuspan agora, cando estamos continuamente a ser cuspidos, polo menos, intelectualmente falando.

Foi o “virus” da esquerda cando fixo a coalición de goberno, foi a crise catalá, foi Venezuela… Foi e será de todo menos a que realmente é. Quizabes, se facemos un exercicio de introspección, descubramos que estamos socialmente infectados e xa nun alto avance dunha enfermidade mundial: a do engano.

Parece mentira, pero mentímonos a nós mesmos porque cremos que a mentira é menos mala que a verdade. Sexa o coronavirus tan perigoso ou non, quizabes é o momento de preocupármonos por saber que virus é o que temos como sociedade.

Comentarios