Opinión

A violación de todo

Noxento segundo aniversario da violación realizada  por parte dos sobradamente coñecidos membros da mediaticamente coñecida coma a "manada". Todo un desprezo para o mundo animal, dito sexa de paso.
 

Aproveitar esta data só é unha escusa, pouco feliz nin da que sentirnos orgullosas, para facer fincapé é reflexión sobre o que esta significa, o que supón; e tamén analizar todas as circunstancias que a arrodean, sobre as que inflúe, mais tamén as que inflúen nela. Hai, pois, dous anos; xa máis de setecentos trinta días dende que eses cincos, aos que non son quen nin de atoparlles denominación adecuada sen caer no erro de empregar verbas que rebaixarían a miña educación... Que fique claro aínda así que para min non merecen nin teñen respecto algún.
 

Pasaron entón dous anos e, despois de non pouca repercusión, o caso fica impune. É un tema que é xa demasiado repetitivo, mais o que eu pretendo agora é afrontalo dende o enfoque reflexivo, que o paso dun certo tempo e dende a óptica social semella recomendábel facer.
Pensar niso, ter individual e socialmente claro que é o que queremos, como o vemos.

Pasaron entón dous anos e, despois de non pouca repercusión, o caso fica impune  

 

Violación ou non violación? A gran pregunta que xa todas escoitamos, que tantas críticas e diferentes opinións suscitou, que deu para programas e programas, follas e follas de periódico e tamén para unhas cantas afirmacións bastante desafortunadas. Na miña opinión, a resposta á cuestión é obvia e clara.
 

Mais ollando alén do noxento dese acto (inhumano, carente de todo sentido) físico, eu observo unha violación innegábel e que tampouco queda atrás na importancia que ten ou debería ter: a violación moral. Loxicamente, e en primeiro lugar, a que sofre a propia vítima; unha violación que non se limita ou restrinxe ao eido físico, senón que lle afecta en totalidade, a toda a súa persoa, á súa decisión, á súa honra, ao seu carácter e á súa integridade. A penetración violenta no seu 'eu', de algo que non aceptou. O feito de te obrigaren a ser algo que non es.
 

Se non o consideran violación, que o consideren roubo, porque dende logo roubáronlle o que ela pretendía ser, a súa persoa. Pero non, tampouco temos que limitarnos a iso, a unha visión aínda moi curta. A violada non foi só a vítima: a violada é a sociedade. Somos todas e todos que, con cada actuación deste tipo, estamos sendo magoadas; e xa non digamos cando estes feitos quedan impunes, cando se permiten e mesmo se promocionan. Porque entón viólanse os nosos dereitos. Os meus, os teus e os de todos. Porque que garantía teño eu de non ser penetrada por cinco individuos e que nada ocorra?
 

Viólase e coártase a nosa liberdade e seguridade. Porque así, un pai non agarda tranquilo na casa o retorno da súa filla unha noite calquera, e decide ila buscar, ou saírlle ao camiño.

Que garantía teño eu de non ser penetrada por cinco individuos e que nada ocorra?

 

Porque así, os grupos de amigas sempre teñen unha mensaxe de 'tranquilas, cheguei ben' ou 'mellor manda un WhatsApp ao chegares'. Tamén é mítica a frase das nais de 'non volvas soa', 'mellor que te acompañe... A que non nos soan lonxanas estas frases? Cotiamente dereitos presos sen darnos case nin conta.
 

E, si. Todo isto é violación. A violación ao meu dereito a ir, correr, bailar, beber, saltar, chorar, cantar, bicar... sen medo. A violación tamén cando nos estremecemos se volvemos soas e nos atopamos cun home pola rúa, e é que aí viólase non só a miña tranquilidade, senón tamén a dignidade do home, ao que eu, sen coñecemento previo, acúsoo por un prexuízo que non tería porque ter, de serme un perigo, un prexuízo que el tampouco ten por que sofrer.
 

Como vemos, a violación non é unha penetración, nin varias, nin tan sequera múltiplas. Nin nun momento nin en varios. É unha violación de magnitude social, e cun carácter atemporal que só mudará o día que consigamos saír da casa, e que os nosos pais digan tan só: sé ti, desfruta.
 
E máis nada.

Comentarios