Opinión

Xustiza, 'Riquiescat In Pace'

Se algunha vez houbo un leve sopro de verdade na palabra xustiza hoxe esfumouse definitivamente. Nos próximos días o sistema xudicial, co beneplácito do aparato institucional do goberno, cometerá o maior dos latrocinios. Á nosa compañeira María Salmerón seralle arrebatada a súa liberdade contravindo todos os principios da Xustiza con maiúsculas. O movemento feminista e de dereitos de infancia non deixou de dirixirse ao goberno pedíndolle que parase esta atrocidade e, ou non responderon ou fixérono con palabras baleiras. A semana pasada soubemos que a mesma ministra que despachaba a solicitude de indulto de María Salmerón co cacarexado "impedimento legal" por reincidencia denegoulle en abril deste ano a cancelación dos antecedentes penais. A quen pretende enganar este goberno? Chamemos a cada cousa polo seu nome. Alguén nalgún lugar alá no alto debeu decidir que se se deixaba a María Salmerón saír ilesa sentaría precedente e moitas outras mulleres serían máis valentes para protexer os seus fillos e fillas, máis mulleres desobedecerían sentenzas nas que se expuxese os seus fillos e fillas a proxenitores violentos. Coñecemos a estratexia, seguímola sufrindo década tras década, a "educación" das mulleres a través do medo, o maltrato institucional como forma de control.

Estamos fartas de que mentres organismos internacionais como a ONU lle tira das orellas a España por un sistema xudicial no que o machismo segue campando ás súas anchas (desculpen as xuízas xuíces feministas pola xeneralización) en casa seguimos deixando que todo siga exactamente igual. Ata o moño de que se aproben leis que quedan en papel mollado porque non son suficientemente claras para tirar abaixo décadas de aplicación da SAP (Síndrome de Alienación Parental) ou porque ningún goberno as concretou e dotou de recursos. Estamos cabreadas, non hai outra palabra, porque o goberno ao que se lle enche a boca dicindo que os fillos e fillas de vítimas non terán que visitar os seus proxenitores é o mesmo que permitirá que a nosa compañeira sexa feita prisioneira, nunca xamais a chamaremos presa!

Todo o sistema actuou durante 20 largos anos para cobrar a súa presa. Coas garras da SAP. Lembra o xogo sádico do gato que non asesta o golpe mortal á súa vítima, posterga o final, comprácese nel, aínda que, por suposto, a presa non ten dende o principio ningunha oportunidade. Con María Salmerón e coa súa filla Míriam xogaron as institucións dende o minuto cero. Dende o mesmo momento en que se di a aquela muller que acaba de saír do maltrato (será necesario lembrar que o violento non cumpriu a condena de prisión porque non tiña antecedentes?) que ela se salva pero a súa filla, un bebeciño, non, que a súa filla queda atrás, baixo o control do agresor. Continuou facéndoo cada vez que ignorou as peticións de axuda de nai e filla e en cada unha das ocasións nas que se aceptaron as denuncias presentadas polo vitimario, evitando ver o obvio, que eran un instrumento máis para manter a María baixo control, esgotala economicamente, irlle quitando ano tras ano de vida. Nada cambiou. Non me digan que se avanzou, non o aceptamos. Isto é tan só o colofón da estratexia máis groseira e ao mesmo tempo máis efectiva do patriarcado nas últimas décadas, a aplicación da SAP e a terapia da ameaza. Porque diso vai o tema, de ameazar, de ameazarnos a todas. Entre as liñas da notificación de ingreso en prisión a María Salmerón vai escrito en tinta indeleble: "isto é o que che pode pasar se denuncias". Que gran sistema xudicial, que grande o seu poder pedagóxico! Por iso, con María marchamos todas para a sombra.

María, es grande. Loitas cada día por ti, pola túa filla, por todas nós. Cada acto de resistencia hónrate e seguirao facendo. Nós sentímonos impotentes ante tal inxustiza, con ese absurdo pero tan necesario reflexo de luz que perdura coa esperanza de que algo suceda ao teu favor no último momento. Esta carta é froito do desasosego e non está especialmente ben escrita, pero no hai nada peor que quedar de brazos cruzados.

Compañeira, estamos contigo. 100.000 almas pediron a túa liberdade e séguente alá onde esteas. Non nos rendemos, non o faremos xamais.

Comentarios