Opinión

Unha historia de amor

Tennessee Williams afirmaba que rematar de escribir unha obra de teatro é como poñer fin a unha historia de amor: ese texto que, durante meses ou incluso anos, foi o centro da túa vida, déixao de ser da noite á mañá e a sensación de abismo que se abre tralo derradeiro punto final —inherente ao oficio das escritoras e escritores— é abafante. O autor de Fálame coma a choiva, Un tranvía chamado desexo ou Gata nun tellado de zinc quente, entre outras imprescindibles pezas dramáticas, demoraba o momento da separación definitiva con innumerables correccións, revisións e axustes. 

En outono do ano 2017, Despois das ondas acadaba o Premio 'Rafael Dieste' de Textos Teatrais da Deputación da Coruña na súa décimo oitava edición, converténdose na primeira peza longa en galego que repasa a vida e a carreira de María Casares desde os códigos do drama. O órgano provincial publicou unha primeira edición do texto en 2018, o cal estrearíase no Teatro Colón da Coruña en 2019, nunha produción de ButacaZero, dirixida por Xavier Castiñeira e protagonizada por Belén Constenla, quen encarnaría á protagonista de filmes como Orphée, Les enfants du paradis ou Les dames du bois de Boulogne. Sonsoles Cordón, asumindo diferentes figuras de especial relevancia na vida da actriz franco-galega, e Nerea Brey, como a Casares máis nova, completaron o elenco desta produción que aínda continúa en cartel. 

A publicación da correspondencia completa entre Albert Camus e María Casares, a experiencia adquirida na miña escrita e, sobre todo, o privilexio de participar no proceso de montaxe do texto como axudante de dirección de Xavi, primeiro, e como técnico de son nas funcións, despois, permitiume detectar os acertos e desacertos da miña peza, o que me levaría a retocala, puíla e ampliala en diferentes versións que se concretan nesta edición definitiva que a Editorial Galaxia presenta o ano no que se celebra o centenario do nacemento da intérprete coruñesa. 

Despois das ondas é un monólogo no que a gran dama do teatro e do cinema francés dialoga co seu pasado na viaxe en tren que, en 1977, a trouxo de volta do exilio. Ao longo de doce escenas, repásase a súa infancia burguesa na Coruña e en Madrid, as consecuencias que a Guerra Civil tivo para ela e para a súa familia, os seus primeiros pasos como actriz no Thêatre des Mathurins de París, a figura do seu pai —o político Santiago Casares Quiroga—, a súa consagración como estrela fílmica e escénica, o traballo e a vida en común xunto a Camus, a súa conversión en símbolo do exilio republicano, os seus últimos anos de vida na súa finca de La Vergne e a importancia capital que tivo, e ten, para a cultura francesa e internacional. Un percorrido vital e profesional no que se foxe do biopic ao uso para achegarse liricamente a María Casares mediante fragmentos de diversos materiais orixinais —diálogos de películas, pezas de teatro, cancións, poemas, cartas persoais, etcétera— e momentos de ficción con base histórica real. 

A historia de amor que iniciei hai cinco anos, e que aínda comparto con tantas e tan boas persoas, remata —polo menos desde o punto de vista literario— con esta coidada edición de Galaxia. Ao longo de todo este tempo, descubrín unha muller que non para de sorprenderme e pola que sinto unha fonda admiración. Nunca pretendín máis que contar a María Casares desde o fermoso oficio que comparto con ela, o teatral. Todo o demais é un agasallo; como ela o foi para a escena e o cinema do século XX. Porque María Casares é patrimonio de todas e todos aqueles que admiramos a súa fortaleza vital ante a adversidade, que vibramos coas lembranzas das súas interpretacións diante dunha cámara ou sobre as táboas, que entristecemos con esa volta que nunca puido ser á súa anhelada Galicia, que nos sentimos orgullosas da súa militancia republicana e antifascista, que fantasiamos coa súa biografía de novela e que preservamos a súa memoria co respecto e co orgullo que merecen as figuras inmortais.

Comentarios