Opinión

Somos obreiras, somos 8 de marzo

Opinión

Somos obreiras, somos 8 de marzo

Neste 8 de marzo cómpre unha reflexión colectiva e en voz alta sobre o significado desta data e o camiño feito tras as últimas catro folgas feministas. A autocrítica e a pausa convértense nas nosas mellores aliadas para non fomentar inercias que nos desvíen dos nosos obxectivos.

O 8M é unha data cargada de valor histórico para o feminismo obreiro polo que o noso deber como sindicalistas e feministas é coidala, defendela, darlle sentido e acompañala dunha axenda feminista comprometida durante todo o ano, que nos axude a acadar todos os dereitos que nos falta por conquistar. Trátase dun bastión de loita que nos impulsa e organiza non só un día senón que outorga sentido crítico e dirección na nosa vida. 
Saímos ás rúas o día 8 de marzo vestidas de violeta tendo claro que a loita é o único camiño mais non é abondo. A administración tínguese de lilá, hai actos reivindicativos organizados polos concellos, carreiras populares polo "día da muller" e todo iso acaba aproximándose máis a unha maquillaxe que a un xesto de transformación real. Nada disto abonda porque cando volvemos á casa nada cambiou.

Nos últimos anos gañamos coraxe pero perdemos dereitos. Encabezamos as listas de temporalidade, das reducións de xornadas, do desemprego, sufrimos acoso e sexualización no eido público e privado, sufrimos unha fenda salarial evidente ou disfrazada de pluses reservados para os homes, segue recaendo sobre nós o peso dos coidados, que na maioría dos casos non son remunerados ou están moi precarizados. Que estamos facendo mal se o 8M é unha das datas que máis xente mobiliza? Conformámonos con festexar unha data co permiso do capital para ternos caladas o resto do ano? Cales son as accións feministas que incomodan o capital e o patriarcado?

Diariamente estamos sufrindo violencias nos nosos corpos e nas nosas mentes, exercidas dende o público e o privado. Ningunha delas vai quedar impune. Non perdoamos e dende logo que non esquecemos. Non queremos que a Administración poña un lazo violeta o 8M, queremos acceso á vivenda, queremos traballar con dignidade, queremos unha Inspección de Traballo real e non cómplice coas nosas opresións, precisamos de recursos reais de axuda para as vítimas de violencia machista, de igual salario, de permisos e retribucións dignas para coidar ás nosas, regularización para as persoas migrantes, dereitos para as traballadoras do fogar, para as traballadoras sexuais, o non espolio dos nosos recursos naturais e que se conserve a nosa identidade como pobo.

Durante catro anos fixemos folga para visibilizar que se nós parabamos, paraba o mundo. Hoxe entramos nos centro de traballo, pisamos as rúas, colamos as paredes das vilas e penduramos faixas chamando a sumar e integrar un sindicalismo feminista e combativo que loite por mudar as nosas vidas. É tempo de organizar os nosos pasos, de xuntármonos para trazar o camiño para a nosa emancipación.

Necesitamos do feminismo de clase para conquistar ás rúas e os centros de traballo día a día, organizarnos, acudir ás asembleas, facer pedagoxía coa xente que nos rodea, sindicarnos, apoiarnos e impulsarnos unhas as outras, sen discriminacións, sen resentimentos. Temos que ter claro que o noso feminismo ten que ser de clase, amplo, diverso e horizontal. Temos que collernos da man mulleres cis e trans, identidades disidentes, racializadas, migrantes, traballadoras sexuais, coidadoras... todas somos obreiras, todas somos clase e todas temos o mesmo inimigo, o patriarcado, que en alianza co capital nos explota e nos quita vida polo feito de ser obreiras. Sirvámonos das alianzas feministas para colectivizar a loita, da nosa identidade para facer pobo, do sindicalismo para combater a quen nos explota. Tezamos rede e conquistemos o que é noso, a nosa dignidade, o noso dereito á vida e a terra! Camiñemos xuntas, ombro con ombro, construíndo ferramentas e loitando por todas! 

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios