Opinión

Violencias

Ao rondar a data do 25 de novembro comeza unha campaña xeral de visibilización e identificación das violencias machistas que sufrimos na nosa vida cotiá, por desgraza esta campaña non adoita durar demasiado e as violencias son practicamente invisibles o resto do ano.

É cousa nosa non deixar que iso pase, denunciar a violencia machista unha vez ao ano "por todo o alto" é positivo sempre e cando o resto do ano consigamos facelas visibles e as denunciemos.

Non vale berrar un día e calar o resto do ano, non vale non combater o patriarcado todos e cada un dos días do ano, só vale derrubalo.

Adoitamos considerar violencias machistas soamente as agresións (físicas ou sexuais) e os feminicidios e, para chegar até un tipo de violencia, tan visíbel debemos pasar por centos de violencias normalizadas e invisíbeis. Para coñecelas debemos ter en conta que non todas van vir por parte dun agresor, xa que moitas son alimentadas directamente desde o sistema, algunhas están incluso tan asumidas que son exercidas polas intitucións: no caso de dificultar a atención a mulleres polo sistema sanitario, no caso da violencia obstétrica; polo sistema xudicial, no caso das agresións arquivadas, entre outros casos. Mais probablemente as violencias máis difíciles de combater para nós sexan as que se producen na propia comunidade, este tipo de violencias preséntase en lugares públicos e abarca piropos, tocamentos, insinuacións, etc. que nos fan sentir violentadas mais tamén abarca as dificultades de cara ao noso libre tránsito ou acceso en determinados lugares. Outra violencia, aínda que moi denunciada, que nos afecta fortemente na nosa vida é a violencia económica que fai que o noso xénero condicione a nosa retribución salarial.

As violencias máis difíciles de combater para nós sexan as que se producen na propia comunidade

A normalización na sociedade dalgúns destes tipos de violencia fai que moitas das mulleres que as sofren non sexan quen de identificarse como agredidas, de dar media volta e plantar cara ao patriarcado.

É necesario mellorar a atención e a protección unha vez efectuada a denuncia, mais mentres sigamos mantendo os roles seguirá existindo violencia machista. É por eso que se torna imprescindible traballar na educación así como na visibilización das violencias culturais e estruturais.

A axeitada e pronta identificación permitirá poñer fin ás violencias antes dos crueis desenlaces aos que non conseguimos afacernos. A denuncia e visibilización contribúen a crear unha nova mentalidade colectiva, coa que cada vez será mais doada a identificación das violencias cotiás.

Como vemos, son moitas as violencias contra as que debemos loitar no noso día a día e sempre do mesmo xeito: identificar-denunciar-erradicar. Unidas e organizadas podemos construír a sociedade non patriarcal que merecemos!

Comentarios