Opinión

Unha axenda feminista galega para frear a Feixoo

As ferramentas do amo nunca desmantelarán a casa do amo

Audre Lorde

Desde a Marcha Mundial das Mulleres queremos facer achegas aos retos que temos por diante se queremos rematar coas políticas e os gobernos do PP.

Visibilizar as políticas antifeministas de Feixoo. Coa chegada de Feijóo no ano 2009 o feminismo tivo que mobilizarse para denunciar a Lei de familia, un empeño dos conservadores por converter en lei a súa moral xudeu-cristiá e a súa conservadora idea de familia, que foi un ensaio das políticas que o PP pretendería impor no conxunto do Estado.

Ao longo destes doce anos de Goberno, os retrocesos en políticas de igualdade nunha Xunta que fora pioneira coa Lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia machista non pararon: programas de atención e prevención da violencia machista, de conciliación, de benestar e igualdade, recorte dos orzamentos en igualdade, recursos para acollida ou casas abrigo e liñas de financiamento para Concellos e organizacións. Chegamos a 2020 cun orzamento para igualdade insuficiente e enfocado á propaganda.

Desde o feminismo combatemos todos estes recortes con pouco éxito no que atinxe a visibilidade e demandas, atopando un seguimento e resposta social desigual que non permitiron frear ou diminuír os efectos destas políticas.

Frear as políticas antifeministas de Feixoo. Se algo aprendemos é que desde o feminismo podemos frear as políticas do PP. En 2014 fomos quen de parar a vaga reaccionaria que pretendía voltar ao aborto ao 1985, logo da conquista da Lei de prazos estatal de 2010. No último ano coa reapertura do paridoiro de Verín após semanas de apoio á mobilización da Plataforma pola sanidade e de converter a loita das compañeiras nunha loita de todo o feminismo galego. Levamos a Verín a manifestación nacional do 8-M e amosámoslle ao goberno do PP que nos tiña de fronte.

É precisamente esta loita a que nos leva a reflexionar sobre a necesidade dunha axenda feminista galega para os próximos catro anos do PP na Xunta. Cómpre organizar a resistencia que o feminismo galego vai ter que liderar contra as políticas de demolición de Feixoo. Podemos seguir mantendo un 8-M unitario no que trasladar socialmente os debates do movemento feminista e as reivindicacións globais mais non obviar por máis tempo a necesidade de apuntar para cuestións concretas e tanxíbeis na axenda de mobilizacións.

Un orzamento de igualdade digno, recursos para os CIMM, revisión do funcionamento dos Puntos de Encontro Familiares, formación dos axentes que interveñen nos procesos xudiciais de violencia , atención 24 horas nos puntos de denuncia de violencia machista, recursos para as mulleres que sofren violencia machista, unha revisión de todo o que non se desenvolveu da Lei de 2007, unha rede de garderías públicas para conciliar, unha lei trans galega que recoñeza os dereitos humanos das persoas trans, financiamento para a prevención, para conciliación e para as familias monomarentais, protección da infancia vítima de violencia, persecución da trata, unha lei de estranxeiría que non criminalice, unha lei de medios que combata o sexismo e todo o que xuntas sexamos quen de pór enriba da mesa para conquistar dereitos e para ir rescatando as nosas vidas deste sistema e goberno criminais.

Combater as políticas de Feixoo

Sabemos que van ser anos duros porque o PP sae reforzado, mais o feminismo sabe organizarse e sabe dar loitas de longo percorrido. Non nos perdamos nos debates doutras, o feminismo galego antirracista, antitransfóbico e anticapitalista ten a forza necesaria para defender ás galegas do seu goberno.

Como feministas, temos a obriga de seguir loitando, de organizarnos, de combater as políticas de quen nos destrúe e iso parte de construírmos unha axenda que afronte diariamente a realidade, que xere alternativas. Abonda de mirar cara outro lado, de analizarmos a realidade nunha chave que non é a nosa.

Temos que mobilizarnos con obxectivos concretos, demandando medidas que permitan avanzar e bloqueando o retroceso en igualdade por parte do goberno de Alberto Núñez Feixoo.

Comentarios