Opinión

(Crónicas de oficina 1). Un luns

 

Un luns calquera comeza co pitido da máquina de fichar e un bo día ao que, con sorte, alguén resposta grrr. Outras veces nin iso. Cada vez que ás 7.45 o chintófano fai o seu pirrí electrónico, risco outra raia imaxinaria máis, como unha Condesa de Montecristo no castelo de If. Vale, eu escollín esta como saída máis doada á precariedade dunha filóloga que se estancou na vida, pero trinta e cinco anos por diante de clips, folios, fotocopias, trienios, sexenios e darlle á tecla son desesperantes cando a perspectiva liberadora é chegar non moi deprimida ás tres da tarde de cada día. De cada día. De cada un dos días futuros.

 

Hai días simpáticos, nos que as túas doce compañeiras e os teus catro compañeiros semella que tocaron cacha ou gañaron en goles ou convidaron a churrasco no bar e entran pletóricos (porque se enuncian en masculinizante totalitarismo) e todo é buenosdíaschicos. Ninguén ergue a cabeza porque estamos as doce e andamos xa a abrir as redes sociais, imprimir a receita de polo antes de que cheguen os informes en papel timbrado ou chamar á casa para tocar corneta á prole remolona.

 

"Seica din as lendas de preescolar que cando levas unha prenda vermella polo San Valentín é porque tes mozo. Así de heteronormativo todo"

 

Hoxe non é un luns máis pero eu non o sabía. Metín a pata, como moitos outros luns. Pirrí-bodía-grrr, elevador con alguén do cuarto andar que se sulfatou con colonia cara e eu que entro cun abrigo vermello. Erro. Abrigo vermello. Compañeiro Eagle-Eye, poñamos por nome, que di “estás enamorada y lo anuncias”. Eu que miro na pantalla apagada do ordenador se hai algún indicio de noite movida no meu rostro papón de luns. “Lo digo por el abrigo rojo. Estás enamorada” e a miña cella ten unha erección do tipo quemestáscontando e prepárase a un machisplaining de manual. Que seica din as lendas de preescolar que cando levas unha prenda vermella polo San Valentín é porque tes mozo. Así de heteronormativo todo. O resto do ano vermello é comunista, é hemorroide, é (uf, quita) menstruación que non sae nin nos anuncios de compresas, é que vergoña me dá o xénero humano, pero nestes días, todo é corazón, bombón, amazón e o cheirento San Calcetín.

 

Unha a unha van erguendo a ollada as compañeiras e, aínda tendo en conta o pouco lustre que ten xa o meu anel, fan unhas risiñas dando a entender que colleran o chiste. Cagoume unha gaivota na parka, digo. E aquí penso se parca, nas datas de defuntos, levaría a esta xentiña a facer chiste entre o que levamos posto e Nona, Décima e Morta. Es que las poetas sois unas esnops. Dito así, esnops. Aínda resoa aquilo na miña cabeza de cando me descubriron poetisa.

 

"Quedan un par de días para que entren na oficina tarxetiñas con corazóns, algún ramo de rosas cos consabidos oooiiii e eeeehh"

 

Dalí a un anaco chega compañeiro Número Dous, ese que xa sabe dicir cousas como buenosdíasatodoschicosychicas porque foi a un curso de igualdade e, como ten escoitado a conversa desde a porta, xa non ten medo de berrar: “seguro que el resto también llevais algo rojo, pero aún no os lo vi”. Ais, San Calentín, lévame pronto!

 

E agardade, porque quedan un par de días para que entren na oficina tarxetiñas con corazóns, algún ramo de rosas cos consabidos oooiiii e eeeehh e a indiscreción de moita xente ao preguntar que nos regalou a unhas e a outras o noso “chico”. Eu mordo a lingua e gardo para min cousas como: un día menos de convencións sociais, fíxome de cear sopa de sobre riquísima, aínda non podo sentar ben despois de onte ou chico? quen che dixo a ti que estou cun chico? Grrr. E aínda queda moito luns que descontar aos trinta e cinco anos que me quedan por diante.

Comentarios