Opinión

Na morte de Celso (Sito) Parada

Outra vez o mal prematuro e a morte cruel leva de onda nós un dos imprescindíbeis brechtianos.

Como non hai moito por Luís Rei, por Roca, por Narf, por Paco Souto, por Isidro Novo, por Gustavo Pernas, por..., énchesenos o corazón de loito pola perda, tan grande.

Mais o "lume que alampea xamais o veredes morto".

Está vivo no Teatro Principal de Pontevedra, corre o ano 1992, gozando da maxistral interpretación do "Misterio cómico" de Darío Fo (e unha compañeira "profe" do instituto abandonando indignada a sala, seica por tanta "irreverencia antirrelixiosa" - como lle proe a liberdade e o espírito crítico ao fanatismo!-).

Está vivo no humilde salón de actos do IES de Vilalonga - asistencia voluntaria para o alumnado - a mediados da década de 90, aonde me empeñei en levar a Sito estirando ata o limite os cartos do departamento de Lingua para vermos e gozarmos o seu Os patios da memoria.

Está vivo nunha das máis honestas e dignas versións de Os vellos non deben de namorarse que se teñan feito, prescindido adrede do epílogo para que o pranto de Pimpinela deixase en carne viva a mensaxe crítica co poder do diñeiro e a comenencia social que a peza encerra, cunha mensaxe tan actual e universal que fende radicalmente o tópico da literatura galega como literatura costumista e "rexional".

Está vivo no aplauso fervente do público que ve a Sito representar Morte accidental dun anarquista, esa lúcida advertencia de que sempre o Poder vence usando trampas e abusando.

Está vivo na retranqueira desenvoltura de Dobermán de Antón Reixa, peza representada canda outro feixe de luz no escenario coa lingua de noso como bandeira, Carlos Blanco.

Está vivo no colega e amigo músico que a todos nos gustaría ter de A lingua das bolboretas e, sobre todo, no tenro e entrañábel xigante boxeador republicano "Ghengis" de O lapis do carpinteiro, que non quería ser derrotado dúas veces e que soñou para todos nós un xantar delicioso baixo a hipnose do Doutor Da Barca.

Adeus para sempre, caro Sito!

Mentres cae o pano, o aplauso do público prolongarase sen final.

Comentarios