Opinión

Luís Rei: Farol perpetuo na néboa

A Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial-Culturmar acaba de publicar un libro moi especial, baixo o título de Farol perpetuo na néboa. Luís Rei e a cultura marítima. Trátase dunha publicación que quere ser, ante todo, póstuma homenaxe á figura do intelectual Luís Rei (O Grove, 1960- Pontevedra, 2015), un dos grandes activistas cos que contou a federación desde o seu nacemento en 1993 e un dos máis constantes animadores no seu seo de iniciativas para o rescate, dignificación, reivindicación e divulgación da cultura dos nosos mares e ríos e das súas xentes traballadoras.

Unhas veces como membro do Colectivo Etnográfico Mascato (canda Lola Varela e Dionísio Pereira), outras como director da revista Ardentía e outras aínda como directivo de Culturmar (que logo ha cumprir as tres décadas ininterrompidas de faena), o Luís non parou de argallar actividades que redundasen na posta en valor dun patrimonio material e inmaterial, “de vento e de sal”, que está na raíz máis xenuína do pobo que somos. Deseñou paneis e dípticos divulgativos; ideou e comisariou exposicións e pavillóns para que a presenza dos barcos da Galiza tivese verdadeiro impacto en citas internacionais como as que se celebran nos portos bretóns de Douarnenez e Brest; levou o peso da organización do Encontro de Cambados (2005) e puxo o seu experto quiñón en moitos outros; escribiu artigos; deu conferencias; etcétera.

O volume, preparado por Francisco Fernández Rei e quen estas liñas escrebe, coa axuda impagábel de familiares e persoas amigas, directivos de Culturmar e outros redactores de Nova Ardentía, reúne en catro grandes apartados diversos materiais.

No primeiro deles, titulado Letras con salitre, ofrécese unha colectánea de textos da autoría de Luís sobre cultura marítima, composta tanto de editados como de inéditos: artigos e editoriais de Ardentía e noutras revistas, conferencias, prólogos, proxectos para publicacións e actividades de Culturmar, roteiros, etc... O conxunto testemuña, coidamos, a lucidez das súas análises sobre o proceso de loita pola cultura e o patrimonio de mares e ríos na nosa terra e a riqueza de perspectivas que esa loita debe acubillar. Tal recompilación constitúe, por iso mesmo, aínda nos casos en que nos achamos diante de pezas inacabadas, un precioso herdo de compromiso e saber que necesitabamos tirar do inédito e impedir que caese no esquecemento. Será grande a dose de vento portante que no ánimo do activismo pro-cultura galega insuflará a lectura deses textos en tempos tan atribulados e pandémicos como os que nos toca vivir.

O Luís non parou de argallar actividades que redundasen na posta en valor dun patrimonio material e inmaterial, “de vento e de sal”, que está na raíz máis xenuína do pobo que somos

Un segundo apartado do libro está formado pola serie Tópicos e (pre)textos para unha historia de Cambados, que Luís publicou orixinariamente por entregas no suplemento “Máis Cambados” do Faro de Vigo (edición Arousa), entre 2005 e 2007. Luís, aínda que “meco” de nacemento e corazón, tiña unha parte das súas raíces familiares en Corvillón e traballou durante anos como bibliotecario e técnico cultural na vila do seu admirado Cabanillas, que el propio se encargou de biografar na peza teatral Antre as roseiras de Cabanillas (Teatro do Aquí, 2004) e no ensaio Crónica de desterros e saudades (Ed. Galaxia, 2009). A citada serie constitúe un achegamento á historia das terras bañadas polo Umia e polo mar da Arousa moi singular, simpático e ameno.

Na terceira parte do libro recupéranse e transcríbense un total de dez entrevistas realizadas a Luís entre 2005 e 2015 por diversos medios, que encerran testemuños directos e opinións moi valiosas do seu pensamento e do seu quefacer.

Finalmente, nos Apéndices, alén dunha escolma fotográfica que percorre a súa vida e dun índice dos materiais que a súa familia legou en depósito ao Concello de Cambados para engrosar os fondos do Museo Ramón Cabanillas, que ha de se inaugurar no vindeiro decembro, transcríbense algúns textos dos responsábeis da edición que permiten calibrar na súa xusta medida todo o que a cultura de noso debe ao sempre querido e recordado Luís Rei.

Comentarios