Opinión

Farol perpetuo na néboa... na morte de Luís Rei

A nación dos humildes negada pero sempre viva e pola que tanto loitou desde que era apenas un mozo acaba de perder un dos seus máis constantes e coherentes defensores.

A nación dos humildes negada pero sempre viva e pola que tanto loitou desde que era apenas un mozo acaba de perder un dos seus máis constantes e coherentes defensores. O biógrafo de Cabanillas e activista cultural Luís Rei faleceu na madrugada do 10 de agosto nun cuarto do Hospital Provincial pontevedrés, onde rendeu a derradeira batalla contra o cancro que comezou a lle minar a saúde, que non o espírito (teso como un cumio do Courel), hai cinco anos. 

"Como estudoso da figura e da obra de Ramón Cabanillas, entregounos, entre outros traballos de mérito, unha biografía brillante e completa do Poeta da Raza"

Homenaxeado por unha multitude entregada e agradecida o 16 de maio pasado, na entrega do XII premio “Ramón Cabanillas” en Cambados, desde entón Luís veuse envolto nunha espiral  contraditoria, onde a maré de cariños e afectos que recibía por toda a parte e de innúmeras persoas víase acompañada dun inevitábel devalar físico, até o fatal desenlace.

Militante da Liga Comunista Revolucionaria e do PST nos anos do inmediato posfranquismo, Luís integrouse no nacente BNG e traballou intensamente na área do Salnés. Foi así responsábel comarcal da citada fronte, primeiro presidente do Colectivo Ecoloxista do Salnés, delegado sindical nacionalista entre o funcionariado do Concello de Cambados, activista da Mesa e de Prolingua e concelleiro do BNG durante varias lexislaturas na súa localidade natal de Ogrobe. Máis tarde fixo parte da corrente de Non Adscritos e abandonou finalmente o BNG para integrarse na militancia de ANOVA.

Ademais desta vertente propiamente política da súa traxectoria, honesta, xenerosa e exemplar, Luís Rei fixo achegas fundamentais en, cando menos, tres campos da nosa cultura nacional. 

"Axudou coma poucos a erguer e impulsar a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial"

Como estudoso da figura e da obra de Ramón Cabanillas, entregounos, entre outros traballos de mérito, unha biografía brillante e completa do Poeta da Raza, que serviu para revitalizar as lecturas sobre este xigante da poesía galega da primeira metade do século XX e para espertar anovado interese polo autor de No Desterro e Da Terra asoballada. Lectura obrigada para calquera amante da nosa historia é, tamén, o seu traballo na revista A trabe de ouro sobre as orixes da celebración do 25 de xullo como Día da Patria.

En segundo lugar, axudou coma poucos a erguer e impulsar a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, un ente cooperativo, plural e diverso con presenza en case todas as rías do país e que labora con eficacia na divulgación e dignificación do noso patrimonio cultural vencellado ao mar (ese mar no que afundían as raigañas familiares e identitarias de Luís), con iniciativas como os Encontros de Embarcacións Tradicionais, as exposicións itinerantes e a revista Ardentía, que el propio pilotou con man experta.

"Luís Rei convértese nun referente valiosísimo na historia cultural do noso país grazas ao seu prolongado labor como técnico de cultura e bibliotecario do concello de Cambados"

E, finalmente, Luís Rei convértese nun referente valiosísimo na historia cultural do noso país grazas ao seu prolongado labor como técnico de cultura e bibliotecario do concello de Cambados, onde despregou unha chea de iniciativas nas que a esixencia de rigor e de calidade, o arroubo pola cultura galega, o fomento dos novos valores locais emerxentes e o emprego normalizado do noso idioma foron sempre pautas a seguir.

A morte de Luís deixa un oco grande nas fileiras que compomos, de mans dadas ou por veces desencontrados, todas as persoas que, desde calquera ámbito e baixo o acobillo de calquera sigla, amamos fondamente o país e loitamos por velo convertido nunha terra de pan, traballo, teito, fartura e liberdade para todas e todos. A vida exemplar e frutífera de Luís será, neste senso, un farol perpetuo a nos guiar por entre a néboa do tempo histórico, e a súa memoria esa bandeira limpa, fresca e acariñante que non nos cansaremos de ondear con orgullo mentres nos quede algún alento.

Descansa en paz, camarada, inmenso amigo, irmán Luís!

Comentarios