Opinión

A cultura marítima en ‘Nós’

A conmemoración do primeiro centenario da saída á rúa o 30 de outubro de 1920 do boletín Nós, unha das creacións culturais máis emblemáticas do galeguismo no período de preguerra, dános pretexto para deitar unha ollada sobre as súas páxinas e atoparmos agarimo, inspiración poética e atención científica pioneira por diversos elementos do rico patrimonio das nosas ribeiras.

No boletín viron lume, efectivamente, imaxes e textos con sabor a salitre. Entre as primeiras cabe considerar as ilustracións do artista valdeorrés Xaime Prada e diversos motivos ornamentais de Castelao.

Nós acolleu asemade poemas con arrecendo a marusía, confluentes coas rotas abertas en 1928 polo rianxeiro Manuel Antonio co seu De catro a catro. Velaí o “Brúa o mar”, de Taibo; “A Buitra”, de López Abente; as “Tríadas no mar e na noite” de Bouza Brey; a “Mariñeira do vento”, de Johán Carballeira; o “Romance dos sete mariñeiros” de Emilio Pita ou “Alando a traíña” de Antón Zapata.

Non faltaron en Nós contos como “A sirena”, de Otero Pedraio, e “Peito de lobo”, de Castelao, onde os mundos psicolóxicos e lendarios do noso mar cobraban carta de natureza, nin tampouco pezas de teatro como o drama Mourenza, de Cotarelo Valledor.

Xunto a estas creacións artísticas e literarias cultas, Nós achegou un bo feixe de cantigas populares mariñeiras recollidas por diversos autores en portos como Cedeira, Noia ou Ribadeo.

'Nós' acolleu asemade poemas con arrecendo a marusía, coas rotas abertas polo rianxeiro Manuel Antonio

Por último, tamén desde a ciencia etnográfica fixo o boletín contributos pioneiros para o estudo da cultura galaico-portuguesa do mar. Cabe anotar o artigo de Álvaro de las Casas sobre a illa de Ons (nº 131-132) e o breve ensaio “Pesos de rede e chumbeiras”, do portugués Afonso do Paço (nº 78-79), mais, se cadra, os traballos máis relevantes foron o cuestionario de embarcacións (nº 111) e o estudo sobre as dornas do Porto do Son (nº 126-127) que achegou ás súas páxinas Xaquín Lourenzo (‘Xocas’).

O etnógrafo ourensán elaborou un Cuestionario para a recolleita de materiais relacionados co mundo mariñeiro, concretamente coas embarcacións. Tratábase dun ámbito que, en palabras de Risco, era nesa altura “precisamente unha das partes menos estudadas, máis virxes prá investigación, da nosa etnografía”.

O texto en cuestión foi presentado como comunicación ao SEG en xaneiro de 1933 e reproducido nas páxinas de Nós en marzo dese ano (nº 111), co título de “Notas pra un cuestionario de etnografía. Embarcacións”. Está artellado arredor dun total de 115 ítems e todos os aspectos imaxinábeis relacionados cunha embarcación teñen cabida no Cuestionario: medidas, tipos, materiais, partes, denominacións, prezos, réxime económico, principais manobras, sinais, clases de pesca, cebos, aparellos e artes, construcións complementares...

Nunha estadía en xuño de 1933 no Porto do Son, ‘Xocas’ tivo ocasión de coñecer máis de perto o mundo das dornas e as angueiras dos seus tripulantes. Como o personaxe Nogueira que inventou Dieste para a súa A fiestra valdeira (1927), o investigador aplicou o cuestionario e lanzouse a anotar palabras e xiros orixinais da linguaxe mariñeira, transcreber lendas e crenzas, debuxar elegantemente as dornas, recoller datos sobre a función e a denominación das distintas partes da embarcación, recompilar información sobre o manexo e utilidade das diferentes artes e aparellos, descreber labores da vida a bordo e repasar o proceso de construción das naves nas carpinterías de ribeira.

Froito magnífico dese esforzo, para o que contou coa axuda impagábel dos tripulantes da dorna sonense ‘Josefa’ e do seu patrón Manuel Castelo, é o ensaio “As dornas do Porto do Són”, publicado no boletín Nós en xullo de 1934 (nº 126-127).

Para a ciencia etnográfica e antropolóxica galega, eses traballos de ‘Xocas’ representan nin máis nin menos que os fitos iniciadores de todo un inxente esforzo que se vén facendo por estudar, conservar, dignificar e proxectar cara ao mañá a cultura marítima. Non outro é o obxectivo dos grupos que compoñen a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial-Culturmar.

Comentarios