domingo 23/01/22

Non esquecer a historia. Sergio Peñamaría de Llano (e II)

O Concello do Barco de Valdeorras no seu Pleno do outubro de 2019 aprobaba por maioría absoluta de toda a Corporación (PSOE, PP, Riada e BNG) unha moción dirixida ao Concello da Coruña solicitando a aplicación da Lei de Memoria Histórica (Lei 52/2007 de 26 de decembro). A moción solicitaba a promover “a reparación moral da veciñanza da comarca de Valdeorras e a recuperar a súa dignidade”, ante as actuacións de Sergio Peñamaría de Llano. Outra moción aprobada o pasado 29 de setembro tamén con maioría absoluta solicita sacar o nome da rúa de Peñamaría da Coruña e substituílo por “Mártires de Valdeorras”, nome apuntado pola CRMH da Coruña, sinalando “a figura do tenente da Lexión Sergio Peñamaria de Llano e as súas actuacións crueis e asasinas accións ao servizo do franquismo”. Vemos pois asombrosamente dereitas e esquerdas xuntas nunha mesma solicitude: aplicación da lexislación vixente, denuncias da actuación criminal do avogado e tenente Peñamaría de Llano e solicitude dunha reparación da dignidade moral e ética polos crimes cometidos: as mesma conclusión dos xuízos de Nuremberg contra os nazis. O Concello de Valdeorras toma a bandeira da legalidade e a dignidade moral sen nin un paso atrás cos crimes cometidos en Valdeorras.

É incomprensible que un goberno municipal socialista e negue a cumprir coa legalidade democrática

Cantos falamos dos “tempos pasados” non o facemos con ánimo de vinganza, para iso poderiamos recorrer, e non sen razón, a cualificar a actuación de Peñamaría de Llano como delitos de “lesa humanidade”, que en todo caso non teñen prescrición e que como tal figura no artigo 7 do Estatuto de Roma da Corte Penal Internacional, de data 17 de xullo de 1998 (O Estatuto de Roma foi ratificado polo Estado Español no ano 2002, e incorporado na LO 15/2003 ao Código Penal español, co agravante no caso de Peñamaría de Llano de autoridade militar).

Non. Pero hai un par de cuestións fundamentais. A primeira, as mocións dos Plenos do Concello de Valdeorras solicitando a reparación moral pola actuación “cruel e asasina de Sergio Peñamaría” están dirixidas ao Goberno municipal da Coruña: debémoslla aos veciños de Valdeorras. O Concello da Coruña non pode por máis tempo pasar por alto as dúas mocións e ten que darlle tramitación ás mesmas. Non cabe dar desculpas burocráticas para esconderse. É incomprensible que un goberno municipal socialista e negue a cumprir coa legalidade democrática, motivo que pode dar pé a dubidar da súa catadura moral. A segunda é que non debemos nin podemos esquecer a historia se non queremos que se repita unha ditadura cruenta como a que sufrimos co xeneral Franco. Queremos avanzar na democracia e cumprir a legalidade recollida na Lei da Memoria Histórica. É asombroso que gobernos de dereitas europeos recoñezan publicamente os antepasados seus crimes como parte da súa historia, mentres que un goberno do PSOE só pon inconvenientes para cumprir algo tan simple como a legalidade establecida. E non creo que ninguén, e digo ninguén, incluída Begoña Peñamaría, queira máis actuacións criminais como a de Sergio Peñamaría de Llano na Comarca de Valdeorras.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Non esquecer a historia. Sergio Peñamaría de Llano (e II)
comentarios